4 de abril de 2018
O grupo de goberno denuncia “a letra pequena dunhas contas nas que non figura unha partida para a conexión ferroviaria do Porto Exterior, pero que eximen á Autoridade Portuaria de aboar o imposto de sociedades no caso da venda dos peiraos interiores”
O goberno local da Coruña cualifica de "papel mollado" o proxecto orzamentario do Estado para este exercicio, cuxas contas, presentadas no día de onte, "non só teñen un claro nesgo electoralista, senón que volven a boicotear á cidade". A concelleira de Facenda, Eugenia Vieito, indicou este mércores que o proxecto do executivo central "baséase no continuismo e adoece de falta de imaxinación". "Non hai ningún novo proxecto para A Coruña e, aínda por riba, os proxectos que figuran nin tan sequera recollen as achegas pactadas coa administración local", dixo, en alusión á partida reservada para a reforma de Alfonso Molina. "As contas provisionan 3 millóns de euros para este ano, e falan dun investimento plurianual de 12,5 millóns, algo que chama a atención tendo en conta que o propio Ministerio de Fomento orzamentou a actuación en 19 millóns de euros, nos que se incluía a necesaria humanización pola que tanto traballou o goberno da Coruña", indicou.
"Convidamos ao Goberno central a que abandone as visións de parte e se decida a traballar e a orzamentar pensando na cidadanía, non nunhas eleccións que, até onde sabemos, non están convocadas", comentou. "Lamentamos profundamente que o Executivo central estea a replicar o mesmo modo de actuación que mantén a Xunta de Galicia, que fixo caso omiso ás achegas plantexadas polo Concello e deu luz verde a uns orzamentos autonómicos que castigan á cidade".
A titular de Facenda tamén lamentou que as contas estatais "falen de propostas, pero non de realidades". "Sobre o papel figuran distintas partidas para o aeroporto de Alvedro que superan os 4,5 millóns de euros. Nada nos gustaría máis que o feito de que se materializasen, pero a realidade é que pese a ter consignados orzamentos dende hai dous anos, a terminal coruñesa non foi obxecto en todo este tempo de ningunha actuación con resultados tanxibles, algo que vimos denunciando dende que chegamos a María Pita e que se observa facilmente se temos en conta os constantes desvíos por problemas na aterraxe".
A edil lembrou, "como claro exemplo de como fai as cousas este goberno do Estado", que as contas estatais reservan un investimento plurianual, até 2020, de 24 millóns de euros para a rexeneración da Ría do Burgo, "do que se este ano se consigna, unha vez máis, o xa acostumado millón de euros en concepto de dotación para un proxecto de dragado da ría que nunca se aborda". "É curioso que o PP saque peito por este anuncio xa que, aínda no hipotético caso de que se cumprisen as previsións, algo que non é habitual, o proxecto de dragado e rexeneración da ría do Burgo sometido a exposición pública fala de 46 millóns de euros, non de 24", apuntou.
Vial 18, Intermodal e tren a Ferrol
No mesmo apartado, de investimentos "de difícil execución", a concelleira sitúa a partida de tres millóns de euros consignada para o Vial 18, "tendo en conta que os trámites de información ambientais aínda non están aprobados", así como "a demandada conexión ferroviaria da Coruña con Ferrol", en tanto que o proxecto orzamentario só contempla como novidade en canto á modernización da liña ferroviaria "un investimento de 200.000 euros para a variante de Betanzos, unha cantidade irrisoria para unha infraestrutura fundamental, ademais dos 500.000 euros para a renovación da vía". "Non é de recibo o tratamento orzamentario, claramente insuficiente, que recibe a conexión ferroviaria con Ferrolterra, necesaria para o impulso e revitalización dunha comarca e que foi demandanda en numerosas mocións tanto na Coruña como en Ferrol", expuxo. "Neste proxecto orzamentario hai moito por aclarar. O presuposto reserva 43,8 millóns de euros para este ano a actuacións no eixo A Coruña - Vigo, mais nas contas non figura, de xeito desagregado, as cantidades que se destinarán as distintas intermodais, entre elas, á coruñesa. Polo momento só temos un dato, o de 30 millóns de euros, que foi anunciado hai uns días mediante unha nota de prensa", apuntou.
Peiraos
Por outro lado, o goberno local da Coruña tamén chama a atención sobre "unhas contas nas que se saca peito do investimento que se fará no porto coruñés, pero nas que, sobre todo, destaca a súa letra pequena". "Non figura unha partida para a conexión ferroviaria do Porto Exterior para este ano, cousa bastante chamativa, tendo en conta que hai uns días Mariano Rajoy anunciaba un investimento millonario e que o propio Tribunal de Contas xa alertou de que a falta da mesma lastraba a viabilidade de Langosteira", manifestou a responsable de Facenda. "Non obstante, o que si figuran son os investimentos previstos no plan plurianual da Autoridade Portuaria aprobados co voto en contra do concelleiro coruñés Xiao Varela", apuntou Vieito. "Na Coruña, a gran beneficiada con estes orzamentos, en forma de beneficios fiscais, é a propia Autoridade Portuaria, que é obxecto de exencións tributarias no caso da enaxenación de terreos", advertíu.
Ante o exposto, Vieito chama ao Goberno do Estado "a solventar as evidentes eivas do seu proxecto orzamentario, a escoitar ás administracións que están máis preto da cidadanía e a poñer A Coruña no lugar que merece, poñendo por diante de todo á cidadanía". "Por outro lado, a tardanza na aprobación destes orzamentos, que non poden considerarse, nin moito menos, uns presupostos sociais como pretenden vender dende Estado mentres afoga aos e ás pensionistas, está atrasando de forma premeditada a aprobación das ofertas de emprego público, de forma que, a menos que se aprobe un real decreto, os concellos quedamos condicionados por estas contas para poder dar luz verde a oferta pública de emprego para este ano", reflexionou a responsable municipal.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible