Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

5 de abril de 2022

Nun encontro no Teatro Colón, trasladóuselle a unha representación diversa do eido cultural o borrador de regulamento do futuro órgano no que terán voz, voto e un espazo de diálogo coa Corporación

O Goberno local e a Marea Atlántica presentan o proxecto do Consello Municipal da Cultura ante profesionais do sector

O Consello Municipal da Cultura contará cunha vicepresidencia seleccionada polos seus membros, e cun mandato desvinculado do ciclo electoral

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, e a voceira municipal da Marea Atlántica, María García, mantiveron hoxe unha reunión informativa cunha representación diversa do sector cultural da Coruña, á que lle trasladaron o borrador de regulamento do futuro Consello Municipal da Cultura, cuxa creación forma parte do acordo para aprobar os Orzamentos 2022. 

No encontro, que tivo lugar esta tarde no Teatro Colón, ambas presentaron este novo organismo, pensado para darlle ás profesionais da cultura voz, voto e un espazo de diálogo co conxunto da Corporación Municipal, e tomaron nota das achegas e propostas que as asistentes manifestaron. 

O Consello Municipal da Cultura estará presidido pola persoa que ocupe a Alcaldía e contará coa presenza do tecido asociativo do sector, ademais da de todos os grupos políticos con representación no Concello e outras institucións e administracións relevantes no campo das políticas culturais. Terá unha vicepresidencia escollida polo plenario do propio Consello, e cun mandato desvinculado dos ciclos electorais.

"É imprescindible traballar en conxunto, recabar as achegas dos profesionais culturais de cidade e trazar xuntos as liñas maestras do sector", destacou Inés Rey, para quen "A Coruña pode, e debe, ser unha cidade referente para a cultura a nivel nacional". 

María García salientou a importancia de "falar cara a cara co sector cultural e recoñecer a súa diversidade", así como os problemas que lles afectan dun xeito especial. "A Cultura non só nos acompañou durante o peor da pandemia, non só fomenta o pensar e o sentir, tamén é un dos principais sectores económicos da Coruña", explicou. En concreto, en 2021 achegaba o 3,2% dos postos de traballo na cidade, o 2,9% das empresas e algo máis do 3% do PIB.

Tres millóns de euros máis para políticas culturais 

O pacto político que fixo posible a aprobación dos orzamentos para este ano inclúe, ademais, un incremento de 3,1 millóns de euros en políticas culturais, reforzando a aposta do Concello por apoiar un sector que levou a peor parte da crise derivada da pandemia.

Ademais, porase en marcha unha política cultural novidosa, como é o programa de residencias artísticas, dotado con 150.000 euros en 2022. Servirá para que o Concello apoie de xeito directo ás creadoras e creadores locais, que poderán exercer o seu traballo en teatros, equipamentos especializados, bibliotecas, centros cívicos e no espazo público, contando con financiamento municipal.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión