25 de setembro de 2017
O concelleiro Alberto Lema sinala que as xornadas, que terán como protagonista o cooperativismo, celebraranse os días 29 e 30 no Campo da Leña e contarán con propostas abertas a todos os públicos
O concelleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, presentou esta mañá no Pazo de María Pita a I Feira de Economía Social da Coruña, una proposta impulsada polo goberno local en colaboración coas principais entidades galegas que traballan no eido do cooperativismo, e que se celebrará no Campo da Leña os días 29 e 30 de setembro. Tal e como destacou o edil, o obxectivo que persegue a organización destas xornadas é "dar a coñecer e promover entre a cidadanía unha tipoloxía diferente de entender a economía, na que as traballadoras e os traballadores se sitúan no centro". "A diferencia doutros modelos que buscan maximizar o lucro a curto prazo, a economía social ten como prioridades outras cuestións, como poden ser o coidado do emprego ou do cadro de persoal da entidade, que á vez é copropietario da mesma", expuxo Lema, quen defende que a aposta por esta iniciativa "é un paso máis na liña de traballo que está a seguir o Concello de fomentar e difundir o cooperativismo, compromisos que son unha realidade partindo do propio nome desta Concellería, ou da súa unión á Rede Eusumo desde o ano pasado". Así, durante estes dous días, máis de 20 cooperativas exporán no Campo da Leña os seus produtos e servizos para darse a coñecer entre a veciñanza, unha proposta que se complementará con concertos, conferencias, proxeccións e actividades abertas a todos os públicos, en especial o infantil, durante a xornada do sábado.
O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, inaugurará a Feira o próximo venres 29, ás 17.00 horas. A continuación, celebrarase unha charla-presentación coas entidades colaboradoras, na que abordarán a situación da economía social na Coruña. Ás 18.30 horas, REAS Galicia promvoerá o Laboratorio de Economía Feminista, e ás 19.30 horas moderará o debate As cláusulas sociais na contratación pública. Á mesma hora, o Accede Papagaio acollerá a proxección do documental Alpuxarras, realizado por Cooperativa de Cine e Documental. Finalmente, e de novo no Campo da Leña, ás o DJ Jas Processor será o responsable da sesión Des-integrando estilos, culturas e xe-racións.
Xa o sábado 30, a iniciativa centralizarase de novo no Campo da Leña. Entre as 11.00 e as 14.00 horas, a cooperativa Miudiño será a responsable de dinamizar a área de xogos infantís, que tamén estará presente pola tarde, entre as 17.00 e as 20.00 horas. Ás 12.00 horas, terá lugar un Laboratorio de modelaxe con pasta fría para todos os públicos e, ás 13.00 horas, un Laboratorio de creación de queixos. Xa pola tarde, a partires das 17.30 horas, terá lugar un obradoiro de Creación de moda sostible, dirixido en particular a mozas e mozos entre os 11 e os 16 anos. Noutra das áreas do Campo da Leña, o Espazo Ágora, desenvolveranse tamén actividades ao longo de todo o día. Ás 10.30 horas Zocamiñoca ofrecerá un parladoiro sobre consumo responsable, Consumir diferente. A continuación, contra as 12.00 horas, EspazoCoop dará unha charla sobre o emprendemento cooperativo. Xa pola tarde, a partires das 17.00 horas, Solidariedade Internacional e Intermón Oxfam impartirán un obradoiro sobre comercio xusto, e ás 18.00 horas terá lugar o coloquio en torno ao documental Alpuxarras. Finalmente, a programación pecharase con dúas actuacións: a primeira delas será á de Cé orquestra Pantasma, que comezará ás 19.00 horas e, por último, Aldaolado --Lucía Aldao e María Lado-- intervirán ás 21.00 horas.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible