4 de maio de 2017
A Xunta de Goberno local dará este venres luz verde a esta proposta de modificación, cuxo expediente foi iniciado a raíz de diversas mocións tanto do grupo de Goberno como do PSOE e BNG aprobadas pola Cámara municipal nas que se pedía garantir a titularidade pública dos terreos, actualmente con catalogación privada
A Xunta de Goberno local dará luz verde na súa reunión de mañá á proposta da Concellería de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, dirixida por Xiao Varela, para o inicio do proceso para a modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal da Coruña no que atinxe ao parque deportivo actualmente ocupado polo complexo de A Solana. Isto será posible coa aprobación do borrador da modificación puntual e o documento ambiental estratéxico. A modificación tanto inicial, como provisional, e definitiva desta modificación terán que ser, non obstante, posteriormente aprobadas polo Pleno municipal. O obxecto desta modificación puntual do PXOM é mudar a titularidade privada do espazo libre comprendido nesta parcela a titularidade pública. Esta modificación entronca coas distintas mocións aprobadas pola Cámara municipal o pasado 9 de xaneiro de 2017 presentadas tanto polo grupo de Goberno como polo PSOE e polo BNG e nas que se reclamaban medidas que garantisen a titularidade pública do Complexo da Solana. "Precisamente, á vista das mocións aprobadas polo Pleno municipal iniciamos este expediente de modificación puntual do PXOM co obxectivo de cambiar a titularidade privada do espazo referido por pública", explica o titular de Rexeneración Urbana.
O ámbito afectado por esta modificación puntual está situado entre a Avenida do Parrote e o Paseo Marítimo. Inicialmente esta zona gañada ao mar pertencía ao dominio público marítimo terrestre, e no mesmo se asentaba a coñecida como Praia do Parrote. Foi durante a tramitación do vixente Plan Xeral de Ordenación Municipal de 2013 cando as determinacións contidas sobre estas parcelas foron modificadas, xa que en 2009 o Pleno municipal dera o visto e prace a que tanto a parcela na que se asenta o Hotel Finisterre como o complexo da Solana estivesen incluídas no sistema xeral de espazos libres, con carácter público. "A parcela obxecto desta modificación puntual xa está destinada aos usos previstos polo planeamento. Unicamente o que facemos é modificar o seu carácter, de local a xeral, para recoller o feito de que os usos existentes están ao servizo do conxunto da cidade. É un paso máis para garantir a titularidade pública destes terreos", indica Varela. "Este espazo libre é un elemento clave que conforma a fronte mariña da cidade da Coruña, e polo tanto resulta de especial interese a preservación das características que o definen", engadiu.
Ademais, segundo explica o edil, esta modificación puntual tamén servirá para preservar o valor patrimonial que ten a zona. A parcela obxecto da presente modificación puntual é lindeira coas antigas murallas defensivas da cidade, elemento catalogado co máximo nivel de protección monumental. "Debido a que mantemos a cualificación e o destino da parcela, non se prevén efectos relevantes sobre o patrimonio cultural. Pola contra, o feito de que os terreos teñan titularidade pública redundará sen dúbida nunha mellora de cara a conservación do ben catalogado", salientou.
"En definitiva, esta modificación puntual dá resposta a intención de garantir o carácter público do espazo libre destinado a parque deportivo que conforma o complexo da Solana. Cremos que o impacto sobre a sociedade será significativamente positivo, xa que recuperamos para o patrimonio público esta superficie de solo", explicou.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible