Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

28 de xaneiro de 2019

O goberno local presenta o seu proxecto de Orzamentos municipais para 2019, unhas contas que ascenden a 252 millóns de euros e que apostan por un aumento no gasto social, as políticas de fomento do emprego e a mellora dos equipamentos e do espazo público

A Xunta de goberno local aprobará este martes as contas do executivo municipal, que deberán ser ratificadas polo Pleno municipal na sesión ordinaria prevista para o vindeiro 11 de febreiro

A Xunta de goberno aprobará mañá, en sesión extraordinaria, o proxecto de Orzamentos municipais para 2019 do executivo municipal, que deberá ser ratificado polo Pleno municipal na súa próxima sesión ordinaria, que se celebrará o 11 de febreiro.  A concelleira de Facenda, Eugenia Vieito, presentou os eixes básicos das contas en rolda de prensa, na que salientou que o presuposto municipal para este ano ascende a 252 millóns de euros, un 2,11% máis que en 2018. Segundo explicou, "trátase do maior orzamento municipal dos últimos dez anos, excluíndo o exercicio 2011". As contas elaboradas son as máis expansivas dende o inicio da crise económica, feito que vén motivado polo feito de que o gasto non financeiro, o gasto real en bens e servizos para toda a cidadanía, sobrepasa, por vez primeira na última década, os 245 millóns de euros. "Nisto inflúe, de maneira decisiva, a minoración da débeda municipal coas entidades bancarias, factor ao que hai que sumarlle, ademais, a capacidade de captación de fondos externos que volveu demostrar o goberno local", dixo Vieito, quen explicou que o orzamento municipal baséase neste 2019, na liña co desenvolvido ao longo do mandato, nunha aposta polo gasto social e por continuar transformando A Coruña nunha cidade máis xusta e igualitaria, así como no fomento do emprego e a promoción económica e a mellora do espazo público, así como os equipamentos e servizos que a administración ofrece á cidadanía.

A titular de Facenda manifestou a súa confianza en que o resto de grupos da Corporación municipal posibiliten a aprobación destas contas, beneficiosas para a veciñanza. "Nin o goberno pode esperar máis nin, dende logo, a cidade pode agardar máis. Nin a cidade nin as entidades asociativas que representan a tantos veciños e veciñas", dixo a responsable municipal. "O proxecto de orzamentos estaba practicamente rematado dende principios do mes de decembro. Xa dende novembro estivemos agardando polo grupo socialista e polo seu proceso de renovación interna, co obxectivo de garantir o apoio no Pleno. Esa foi a principal causa da demora na presentación do proxecto", indicou a concelleira. "Non podemos entender que o Partido Socialista anunciase o seu posicionamento en contra cando nin tan sequera formulou ningunha proposta ao proxecto. Non podemos entender, tampouco, que xustifique a súa negativa con argumentos errados e valoracións que non se corresponden cos datos deste orzamento", evidenciou.

"Os orzamentos van ir a Pleno. Agora teñen unha segunda oportunidade. Unha segunda oportunidade para deixar a un lado a súa estratexia electoral e actuar pensando no futuro da cidade", sinalou Vieito, á vez que recordou que "hai moito en xogo na aprobación dos orzamentos", como a execución de "actuacións historicamente demandadas como o derrubamento do viaduto da rolda de Nelle ou a tramitación de actuacións ligadas aos fondos europeos FEDER conseguidas polo goberno local".  Ao fío, a titular de Facenda recordou que "coma sempre, a vontade de diálogo do goberno é toda a do mundo. Todos os grupos disporán de toda a información do proxecto de orzamentos e, por suposto, non pechamos a porta a ningún acordo durante o proceso de tramitación dos mesmos". "Coma sempre fixemos, estudaremos con detalle todas as emendas que presenten e trataremos de incorporar todas aquelas que sexan viables e congruentes coas prioridades políticas que guiaron a elaboración deste proxecto", manifestou.

Orzamentos expansivos

Na rolda de prensa de presentación das contas municipais, Vieito salientou que a previsión de ingresos totais para este ano medra en 5,2 millóns de euros (2,11%) con respecto ao ano pasado. "Ao igual que o ano pasado, en 2019 resulta determinante na evolución dos ingresos municipais a capacidade do goberno local para a captación de fondos externos. Neste apartado merece unha mención especial a consecución de máis de 4,4 millóns de euros procedentes do Fondo Social Europeo para o programa Coruña Suma, destinado a inserción laboral de colectivos especialmente vulnerables. A anualidade correspondente a 2019 incrementa os ingresos por transferencias correntes en máis de 1,5 millóns de euros", dixo. "Por outro lado, e en canto ao gasto, a novidade este ano é, por vez primeira na década, o gasto real en bens e servizos supera os 245 millóns de euros. A redución da débeda bancaria fai que o gasto redunde, directamente, en melloras para a cidadanía", explicou. A edil recordou que dos 86 millóns de débeda viva cos que o goberno local se atopou ao chegar ao Pazo de María Pita, en xuño de 2015, pasouse a 43,9 millóns en decembro de 2018, o que supón unha redución do 48%. O peso da débeda decrece considerablemente no total dos gastos proxectos no orzamento. "Se en 2015 supuña máis dun 6%, nestas contas é dun 2,71%", manifestou.

En canto ao reparto presupostario, todas as concelleiras do goberno local aumentan o seu orzamento no proxecto do executivo municipal a excepción da de Culturas, aínda que, neste caso, "a redución débese á partida especial que se presupostou o pasado ano para acometer a reforma e cambio do cambio de cuberta no estadio de Riazor".

Eixes básicos

En canto aos eixes básicos sobre os que se asenta o proxecto orzamentario, Vieito recordou que este ano A Coruña seguirá á cabeza dos concellos galegos en canto a gasto social por habitante. De feito, as contas municipais reservan "máis de 34,6 millóns de euros para actuacións centradas na protección e coidados dos colectivos con maiores dificultades, así como na promoción e inclusión social dos mesmos". A dotación neste apartado increméntase en máis de 2,5 millóns con respecto a 2018 (o 7,86% máis).

Nesta liña, a concelleira salientou que as contas para este exercicio "tamén reservan unha partida moi sinalable de fondos para as políticas de igualdade e promoción social, que este 2019 recibirán un impulso adicional de máis dun millón de euros, superando os 29 millóns, o que supón un incremento de máis do 55% con respecto aos recursos destinados en 2011". Entre 2016 e 2019 as políticas de igualdade e promoción social do executivo municipal levan destinado 28,6 millóns de euros máis que os recursos iniciais presupostados durante o anterior mandato. "Entre outras actuacións, o 2019, o goberno local ten previsto eliminar o copagamento polas prestacións de axuda a domicilio, aumentará os recursos destinados a Renda Social Municipal en case un 19%, chegando até os 1,2 millóns de euros, e incrementará a dotación para axudas de emerxencia social en máis dun 36% con respecto a 2018, superando por vez primeira a barreira do millón de euros", exemplificou a concelleira.

Dentro do gasto social destacan as políticas de fomento do emprego, que constitúen a principal aposta do executivo municipal para este exercicio, cun incremento de fondos de 1,3 millóns de euros con respecto a 2018, o que representa un crecemento do 43,2%. En paralelo, Eugenia Vieito tamén puxo en valor a aposta por liñas de actuación destinadas ao fomento da actividade económica, que reciben un impulso de 1,1 millóns de euros nestes orzamentos. "En termos agregados medrarán un 5,5% con respecto ao ano 2018, un crecemento que multiplica en 2,6 veces a taxa de crecemento dos recursos totais. Dentro deste eixo de actuación destacan, entre outros, os fondos orzamentados para acometer melloras nos mercados municipais. Estes increméntanse en case 650.000 euros, un 32,9% máis con respecto a 2018, até superar os 2,6 millóns de euros.

Actuacións en Espazo Público

En canto a actuacións de mellora do espazo público, a concelleira comentou que, se ben en 2018 a maior obra civil acometida polo Concello foi a do estadio de Riazor, este exercicio contempla distintas actuacións de calado, como as contempladas no complexo deportivo do Castrillón (proxecto dotado con máis de 2 millóns de euros) ou a remodelación do mercado de Durmideiras (1,1 millóns). A mellora da contorna de San Agustín, a reforma do antigo edificio do Remanso ou a reconfiguración do cruce entre a rolda de Nelle e a avenida de Fisterra co derrube do viaduto son outras das actuacións destacadas, nas que tamén se atopa as ligadas aos fondos europeos FEDER conseguidos en base a estratexia urbana EidusCoruña. "Entre estas actuacións cóntase, por exemplo, a posta en valor do patrimonio cultural dos cemiterios da cidade (San Amaro, Oza e Feáns), a mellora dos xardíns históricos, o avance da expansión de arborado mediante o programa Bosques da Coruña, a expansión do carril bici e a inclusión de novos tramos, como na contorna do polígono da Grela entre outras", apuntou.

Documentos:

Dossier Orzamentos Municipais 2019 (856 KB)

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión