Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

28 de abril de 2017

O Goberno local presenta o seu proxecto de reurbanización de Victoria Fernández España, que converte a travesía nunha praza "que gaña un novo espazo público para Zalaeta e mellora as condicións de seguridade peonil"

O edil Xiao Varela sinala que a creación desta estancia, “aportará un novo lugar de encontro para a veciñanza do barrio e para o alumnado do IES Menéndez Pidal de 2.560 metros cadrados”. A praza acollerá unha estatua en homenaxe a Isabel Zendal, xunto ao lugar do desaparecido Hospital da Caridade

O concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela, presentou esta tarde o proxecto do Goberno local para a reurbanización da travesía Victoria Fernández España, unha rúa situada xunto ao IES Ramón Menéndez Pidal e que une a rúa Hospital con Zalaeta. A iniciativa segue a liña de actuacións que o executivo coruñés está a desenvolver na contorna doutros centros escolares da cidade, coa finalidade de crear estancias ou lugares de encontro que faciliten a actividade de socialización pero que, á vez, melloren as condicións de seguridade peonil. Segundo o edil, esta intervención "intenta mellorar a calidade nos percorridos que vertebran e atravesan o polígono de Zalaeta". "A travesía Victoria Fernández España era unha falsa rúa que cumpría, como principal e case única función, ser un aparcadoiro. Desde este Goberno apostamos por concentrar cada tipo de espazo en unidades máis grandes e compactas, para obter maior rendemento no seu uso", indicou o responsable municipal. "Se concentramos as sebes espalladas nun único recinto, obteremos un pequeno xardín", exemplificou Varela. Deste xeito, a través da súa peonalización, a travesía dará lugar a un novo espazo público conformado por unha praza, paseo e xardín que ocupará unha superficie total de 2.560 metros cadrados. Con esta peonalización, o Goberno local creará unha nova praza, que terá unha extensión de 900 metros cadrados, que se encadeará co espazo vexetal e pavimentado existente, conformando un paseo --tipo alameda-- de 102 metros de lonxitude. "O proxecto ten como obxectivo que a zona estea constituída por diferentes ambientes que permitan diferentes xeitos de estar, e inclúa a instalación dun aparcadoiro de bicicletas xunto á entrada do IES", explicou o edil, quen asegurou que as prazas de estacionamento para vehículos privados que serán substituídas por este novo ámbito pasarán a repoñerse, "na súa totalidade", na rúa Hospital, "cunha nova disposición en batería que se promoverá ao longo do costado do recinto do instituto".

Coa nova distribución do espazo, no que non se poderá circular co automóbil,  si estará permitido o tráfico de carga e descarga para os locais e residentes da zona, así como para os desprazamentos en autobús do centro escolar, "que agora resultarán máis seguros na baixada e subida do  alumnado". Entre as actuacións previstas neste novo espazo público, nas que se aproveitará o máximo posible da urbanización existente, como as árbores e vexetación, ou as soleiras da calzada que se atopan en bo estado de conversación, o executivo coruñés prevé instalar amplos bancos de pedra. "A seguridade do alumnado verase ampliada coa creación dunha estancia máis confortable na que se colocarán bancos á saída do Menéndez Pidal", especificou Varela, "seguindo a liña de intervencións que xa tiveron lugar na contorna doutros centros escolares, como o IES Monte das Moas ou Labaca".

O proxecto do Goberno local tamén inclúe a instalación dunha estatua en homenaxe á figura de Isabel Zendal, a petición do Club dos Leones, "que tiña interés en facer visible a súa figura e a actitude de coidados que ela representa", destacou Varela. "Tecer os lugares da memoria de Zendal na cidade levounos até o lugar do desaparecido Hospital da Caridade, que só permanece hoxe en día co nome da rúa, que tiña asociada a Casa de Expósitos, da que ela era a reitora". A peza, realizada polo escultor Francisco Escudero, situarase "no lugar no que, literalmente, se situaba a porta do centro".

"Desde o Goberno local promovemos o coñecemento do labor que Zendal desenvolveu ao nomear a nova cátedra de Cultura Científica da Universidade da Coruña, pero agora queremos dar un paso máis: hoxe a figura da nosa veciña, fundamental na Expedición Balmís, pisa o mesmo chan que hai 214 anos", explicou o concelleiro. "Esta homenaxe converxe cunha política de intervención no espazo público orientada aos coidados, na que se deseña como lugar de estancia e encontro, desde a atención ás persoas máis vulnerables ou as que están a dar os seus primeiros pasos coma suxeitos sociais", incidiu.

Documentos:

Proxecto de reurbanización (2 MB)

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión