Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

7 de abril de 2017

O Goberno local presenta os novos vehículos que se incorporarán á frota do servizo de Protección Civil, "que permitirán mellorar a súa asistencia ante calquera situación na que se precise do seu labor"

Xulio Ferreiro felicitou aos membros deste servizo de emerxencias municipal, que vén de acadar a Medalla de Ouro da Asociación Nacional de Agrupacións do sector en recoñecemento do traballo que realizan na cidade

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro,  presentou esta mañá na praza de María Pita os novos vehículos que se incorporarán, de inmediato, ao equipamento municipal que a agrupación de persoal voluntario de Protección Civil do Concello da Coruña dispón para desenvolver o seu labor na cidade. Así, desde hoxe, o servizo conta cun novo automóbil 4x4, tres motos cedidas pola Policía Local e catro bicicletas, "que facilitarán a mobilidade dos seus membros durante a celebración de eventos, como cabalgatas ou carreiras", que se suman á frota actual, formada por doce coches, unha ambulancia, oito bicicletas e cinco embarcacións. "Esta incorporación de equipamentos permitirá mellorar a asistencia que presta o servizo, que poderá dar unha resposta axeitada fronte a calquera situación de emerxencia que se poida producir durante os mesmos", afirmou o rexedor, quen esta mañá felicitou, persoalmente, ao grupo voluntario coruñés, que o pasado mes de marzo recibiu a Medalla de Ouro da Asociación Nacional de Agrupaciones y Asociaciones de Voluntarios de Protección Civil de España (ANAV), unha condecoración que chega como recoñecemento o labor que desenvolve a entidade na cidade. Ademais, a ANAV tamén decidiu outorgar, a título póstumo, a Cruz dos Servizos Distinguidos ao voluntario coruñés Juan Bermúdez Puente, falecido recentemente.

"A diferenza doutros servizos municipais, Protección Civil é un corpo que se nutre, fundamentalmente, de persoal voluntario", explicou o alcalde, quen sinalou que, arestora, a agrupación conta con catro membros do funcionariado, e 75 voluntarias e voluntarios, "que colaboran habitualmente, e de forma altruísta, nos dispositivos de seguridade municipais, e ás e aos que temos que agradecer que dediquen parte do seu tempo en axudar á veciñanza".

Entre os novos vehículos, destaca a incorporación, por vez primeira na frota de Protección civil, de tres motos (dous scooter de 250 cc e unha de 50 cc), que foron proporcionadas pola Policía Local, corpo que ao que o servizo de persoal voluntario presta apoio en distintos eventos que teñen lugar ao aire libre, como carreiras populares ou desfiles, tanto na apertura dos mesmos como á hora de sinalizar os cortes de tráfico que se poidan dar. "Neste sentido, as motos son vehículos que presentan máis axilidade fronte a outros de maior tamaño, e que resultan idóneos para prestar, por exemplo, soporte sanitario en acontecementos que se celebren na vía pública", sinalou Ferreiro, que puxo como exemplo situacións nas que poidan xurdir problemas coronarios. "No caso que algunha ou algún participante poida sufrir un problema de corazón durante a celebración dunha proba deportiva como o maratón, como está a pasar noutras cidades, contariamos cunha asistencia sanitaria rápida", aseverou o primeiro edil. Estas motos, que portarán sinais luminosas e acústicas de emerxencia, así como baúl para equipamento de primeiros auxilios ou materiais de intervención, tamén servirán como apoio á unidade ciclista do servizo, xa que pola súa estrutura poden levar equipos máis pesados que as bicicletas. Outra das principais novidades será a incorporación dun coche polivalente tanto para o transporte de persoas como para traslado de material. O automóbil, un Dacia Duster 1500 cc todoterreo que permite achegarse a zonas de difícil acceso, pode empregarse a diario polo seu tamaño e baixo consumo. O vehículo, que conta cun motor diésel que cumpre coa normativa Euro6, terá, entre outros elementos accesorios, enganche para remolque, emisora VHF, iluminación de emerxencia e perimetral, iluminación de traballo (tanto exterior como interior), lanterna e conos para sinalización de emerxencia e un extintor.

Finalmente, Protección Civil contará con catro novas bicicletas, medio de transporte sostible e amable coa mobilidade peonil. Pola súa axilidade, poderán empregarse tanto na apertura de probas deportivas ou cabalgatas como nos cortes de tráfico que se poidan producir nas mesmas --en apoio á Policía Local--. A versatilidade que ofrece a bicicleta permitirá tamén que a agrupación dea soporte no caso de precisar rastrexar  persoas desaparecidas, grazas á facilidade de acceso que presenta en zonas que poidan resultar complicadas na súa accesibilidade para vehículos motorizados ou de maior tamaño.  Estas bicicletas contarán con luces e sirenas de emerxencia, así como dun equipamento de primeiro auxilios. De cara a tempada de verán, levarán tamén mapas de Coruña, ante a alta demanda de información turística por parte de persoas que visitan a cidade.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión