Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

23 de agosto de 2018

O goberno local solicita ao Estado que non obrigue a cidadanía coruñesa a pagar co seu patrimonio as débedas da Autoridade Portuaria, mentres si condona as de Valencia

O concelleiro de Rexeneración Urbana, Xiao Varela, lamenta que mentres que o executivo central acordou asumir débeda do ente Consorcio Valencia 2007, duns 350 millóns de euros, “na Coruña a única alternativa que ofrece para amortizar o préstamo da Autoridade Portuaria con Portos do estado é a venda da fachada marítima”

O goberno local lamentou hoxe que o executivo estatal non teña en conta "os lexítimos intereses da cidadanía coruñesa, cando si semella que é consciente dos dereitos da veciñanza noutras partes do Estado". Así rexeitou que, de momento, o Estado non aportase ningunha alternativa que posibilite que a débeda contraída pola Autoridade Portuaria da Coruña non teña que ser pagada a costa da venda da fachada litoral, patrimonio de toda a cidade, mentres que, por contra, vén de acordar a asunción de débeda do Consorcio de Valencia 2007, de 350 millóns de euros. "Non ten sentido que o executivo central condone en Valencia unha débeda de 350 millóns de euros e aquí non impulse unha medida similar, cando o crédito do porto coruñés, neste caso, é de 200 millóns. A situación do noso porto debería ter consideración de asunto de Estado", manifestou o concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela.

"O Estado asumiu a condonación da débeda co Consorcio de Valencia no marco das negociacións para a aprobación da nova senda de estabilidade orzamentaria. O goberno da Coruña leva denunciando esta situación dende que chegou a María Pita. Neste momento, non só lle pedimos compromiso ao executivo estatal, tamén ao resto de forzas políticas e administracións, como a propia Xunta", reflexionou Varela. "Con independencia das diferencias que poidan existir entre a situación da Autoridade Portuaria da Coruña e o Consorcio de Valencia, a realidade é que o Instituto de Crédito Oficial (ICO) condonará 350 millóns de euros a esta última, mentres que co porto coruñés non se tivo nin ten previsto equivalente tratamento, seguindo a mesma liña que o anterior goberno central do Partido Popular", explicou.

Ao fío, Varela recordou que o Pleno da Coruña aprobou por unanimidade unha moción plenaria, xa en xullo do ano pasado, no que a Cámara demandaba ao Estado a conexión ferroviaria con Langosteira. Esta iniciativa tamén evidenciaba a necesidade de "demandar ao Goberno do Estado e Portos do Estado o alixeiramento da carga financeira que soporta a Autoridade Portuaria da Coruña co ente público, derivada dos préstamos de financiamento para a construción do Porto Exterior, así como a inclusión de medidas de flexibilización de pagamento, estudándose a posibilidade dunha quita sobre a débeda". "Aprobada esa moción, o presidente da APAC, Enrique Losada, manifestou que non poría inconvenientes a que se condonase a débeda total ou parcialmente. Evidentemente, para conseguir isto, é necesario actuar", comentou o concelleiro Varela. "Neste momento, e vendo que si é posible, como nós defendiamos, solicitamos a súa condonación, tal e como vai a ocorrer en Valencia. Se se condona a débeda xerada en Valencia pola Copa América de Vela, con moita mais razón na Coruña, pola construción dun porto de interese xeral do Estado", salientou o responsable municipal.

Por outro lado, o titular de Rexeneración Urbana manifestou que "o goberno local segue a súa folla de ruta, de cara a conseguir garantir o uso e xestión pública da fachada atlántica da cidade". Así, recordou que, este agosto, o goberno local deu luz verde a un concurso de ideas sobre o futuro da fachada atlántica da cidade, dende o Dique de Abrigo até o peirao de Oza. O concurso, baseado nas conclusións obtidas no proceso de investigación previo que concluíu coa celebración do foro Tecendo Litoral, ten como obxectivo fundamental "promover o debate e a participación de toda a cidadanía sobre o futuro dos peiraos interiores da cidade, así como crear un espazo para a colaboración e o concurso entre as distintas administracións involucradas na súa transformación"

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión