Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

10 de novembro de 2021

O Goberno municipal aproba o convenio que permitirá a posta en marcha de forma efectiva da Cidade das TIC

Inés Rey: “Supón un pulo importante para o desenvolvemento dunha infraestrutura estratéxica para o futuro da cidade”

O goberno municipal aprobou na Xunta de Goberno Local celebrada esta mañá a proposta de convenio de colaboración entre o Concello da Coruña, a Deputación, a UDC, o Igape e o Clúster das TIC para impulsar o desenvolvemento da Cidade das TIC cos recursos máis axeitados para ese fin.

"Este acordo supón un pulo importante para o desenvolvemento dunha infraestrutura que para este goberno é estratéxica para o futuro desta cidade", indicou a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, quen destacou que a Cidade das TIC foi unha aposta do executivo desde o primeiro momento. Rey salientou que o proxecto tecnolóxico será "unha fonte de emprego e riqueza para a nosa cidade e a súa área metropolitana".

O convenio, que se asinará nos próximos días, contempla a elaboración dun Plan Director da Cidade das TIC que permite a correcta planificación de accións e a posta en marcha dun plan estratéxico para o aproveitamento de todo o potencial desa infraestrutura.

Ademais, o acordo permitirá tamén crear unha estrutura de goberno mediante unha sociedade pública que inclúa ás Administracións e tamén as empresas implicadas no proxecto garantindo a participación das partes en proporción ás súas achegas.

Testamento de Manuel Piñeiro Pose

Por outra banda, a Xunta de Goberno Local deu luz verde tamén á consignación da cantidade de 172.339 euros nunha conta xudicial para dar cumprimento, mediante ese pagamento, ao testamento do filántropo Manuel Piñeiro Pose.

O pagamento de dita cantidade recollíase no testamento de Piñeiro Pose, ese desembolso, vencellado ao valor dos inmobles legados, permitía sufragar misas polo descanso da súa alma e o coidado da súa sepultura. En 1938 a cantidade establecida para tal fin ascendía a 140.000 pesetas, unha cifra equivalente hoxe en día aos 172.339 euros que ingresará agora o Concello.

Unha vez ingresada dita cantidade na conta habilitada no Xulgado de Instrución, o Concello procederá a inscribir ao seu nome no Rexistro da Propiedade os inmobles sitos nas rúas Teresa Herrera e Paio Gómez.

Inés Rey explicou que "o Concello iniciou os trámites para a correcta inscrición do edificio ao seu nome en 1999, mais non se puideron concretar até agora. A rexedora indicou que se respectarán os contratos de alugueiro e dereitos das persoas que residen nesas propiedades".

A alcaldesa destacou que se trata dun edificio histórico, construído en 1920 e "de indubidable valor, non só económico, senón como patrimonio desta cidade. Polo que a intención deste goberno municipal é que ese inmoble sexa destinado, a medio prazo, para uso público".

Outros asuntos da Xunta de Goberno

A Xunta aprobou a licenza para a construción dun edificio en bloque en forma de U para vivendas e usos terciarios. Esta licenza permitirá a dotación de 90 novas vivendas en Xuxán, continuando coa reurbanización da zona e dando resposta á necesidade da construción de novas zonas residenciais.

En materia urbanística tamén se aprobou unha modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal co obxectivo de incluir as modificacións oportunas para que o Plan recolla as Illas de San Pedro como un elemento do patrimonio natural identificado e protexido.

Dentro do ámbito social aprobouse a tramitación anticipada do programa Bono Taxi 2022, o programa do Concello para axudar ás persoas que contan cun grao de discapacidade severo que lles impide o uso do transporte colectivo. O programa ten un importe de 155.000 euros e por segundo ano consecutivo adianta a súa convocatoria para que a tramitación sexa máis eficiente.

E, por último, autorizouse tamén a contratación das actividades dos centros cívicos, 500.000 euros para dotar de contidos e programación á nosa rede de centros cívicos dentro do compromiso do goberno local cos barrios e coa súa dinamización.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión