22 de setembro de 2017
O concelleiro de Rexeneración Urbana, Xiao Varela, salienta a “interlocución constante” do Concello coa Xunta e a compañía eléctrica Fenosa para axilizar os trámites necesarios para poder levar o subministro ao novo barrio
O concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela, acudiu esta mañá ao polígono do Ofimático, dentro das visitas de control que realiza de forma semanal, para comprobar o avance dos traballos de urbanización que se desenvolven desde o pasado mes de xullo, e que en breve servirán para iniciar a pavimentación dos accesos desde Eirís, unha actuación prevista para a vindeira semana, aínda que vinculada ás condicións meteorolóxicas dos próximos días. Como salienta Varela, os traballos, nos que están implicadas unha quincena de máquinas -4 retroescavadoras, 2 minidumpers, 3 minirretroescavadoras, 1 carretilla elevadora, 3 camións volquete, 2 rodillos compactadores e 1 bulldozer- e un importante volume de profesionais, céntranse nestes momentos na obra civil da contorna deste acceso, "onde se concentra o maior volume de traballo", e onde xa está practicamente rematada a canalización, e delimitadas as beirarrúas. Como avanza, estas obras "progresan a moi bo ritmo e facilitarán que, a curto prazo, poidan reorganizarse os tránsitos no sector do Ofimático", e darán paso á pavimentación da contorna dos edificios que están en construción.
As actuacións que se están a desenvolver están encamiñadas a dotar o Ofimático de acceso rodado e de todos os servizos necesarios para a concesión das primeiras licenzas de primeira ocupación das vivendas, desde a pavimentación de accesos e dotación de iluminación, ao abastecemento, rede eléctrica e saneamento, e inclúen outras intervencións relativas á seguridade de bens e persoas, como a colocación de valado e proteccións en desniveis ou instalación de tapas, entre outras.
Do mesmo xeito, o concelleiro salienta os avances na tramitación eléctrica do polígono coa empresa subministradora, Gas Natural Fenosa, e a Consellería de Industria da Xunta de Galicia, trámites que xa se iniciaron na fase previa ás obras, e que resultan "transcendentes, tendo en conta que unha parte importante das intervencións pendentes no polígono están relacionadas coa subministración eléctrica". Segundo subliña, xa comezaron as obras civís que van permitir a canalización eléctrica que servirá para levar ao novo barrio o subministro desde a subestación de Eirís, "e que é, nestes momentos, o maior desafío da actuación".
Neste sentido, o responsable municipal recalca que mantén "comunicación directa e constante tanto coa empresa como coa consellería, dado que para que poida levarse a cabo esta intervención resulta imprescindible a interlocución con Fenosa e a validación da Consellería de Industria". Tal e como fai notar, a compañía é a encargada de redactar a documentación que permitirá tramitar esta parte da instalación eléctrica, unha vez que reciba o visto bo da Xunta, e tamén será que acometa a súa execución. "Desde o goberno da Coruña poñemos toda a nosa disposición para facilitar que estes trámites se axilicen en todo o posible, porque esta actuación é a que vai permitir ao Concello poñer en marcha as obras de subministración eléctrica dentro do polígono", observa.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible