16 de febreiro de 2016
O concelleiro de Culturas, José Manuel Sande, salientou “a xenialidade” dunha exposición con obras de Goya, Rubens, Velázquez ou Sorolla que poderá visitarse até o vindeiro 29 de maio no espazo municipal
O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, inaugurou esta mañá no Kiosco Alfonso exposición Os obxectos falan. Coleccións do Museo do Prado, unha escolma itinerante de 60 pinturas e obxectos de “primeira liña”, segundo cualificou o edil, das principais escolas entre os séculos XVI e XIX e que pón en valor o obxecto coma protagonista e elemento clave da obra de arte. Sande saudou unha “ocasión histórica” para a cidade a través dunha mostra “de artistas míticos, con suficiente calidade e xenialidade”, que conta con traballos de autores como Goya, Velázquez, Zurbarán, Sorolla ou Rubens. O responsable municipal sinalou que se trata dunha “colección importante” de 52 traballos pictóricos e 8 obxectos de pezas de arte decorativas “pola coherencia do discurso expositivo, no que se supera a mera contemplación”, ao permitir percorridos e itinerarios históricos que abranguen 350 anos e “que non se producen na mesma maneira que no gran centro cultural de onde proveñen, o Museo do Prado”. Neste sentido, o concelleiro destacou que desde a súa área “reforzarase a didáctica da exposición” mediante a organización de visitas guiadas, tanto para particulares como grupos, co obxectivo de “potenciar a pedagoxía” e achegar á cidadanía ao obxecto artístico.
Os obxectos falan é unha selección “coherente e que incita a mirar”, segundo o concelleiro, integrada en catro capítulos diferenciados. A clave está no obxecto, na que os artistas converten aos complementos nos protagonistas da composición e elementos clave para recoñecer a escena; Os obxectos retrátannos; nas que destácase a importancia dos mesmos á hora de definir e retratar as e aos personaxes das obras; Unha mensaxe agochada, na que os obxectos aportan información que non é visible nunha primeira ollada; e Coleccionismo, de obxecto de uso a obxecto artístico, que expón o interese da apropiación e o desexo de ostentación.
Na presentación da mostra tamén estivo presente o comisario da mesma, Fernando Pérez Suescun, quen saudou “as posibilidades” do espazo expositivo municipal, xa que permitirá expoñer por vez primeira esta mostra en dúas alturas “e realizar xogos visuais entre as pezas”. Suescun, que tamén é o responsable dos contidos didácticos do Museo del Prado, ofrecerá unha conferencia inaugural sobre a mostra hoxe, ás 19.00 horas, no mesmo Kiosco Alfonso. O comisario sinalou que achegar esta exposición á cidade “permitirá ver un ‘Pequeno Prado’ na Coruña” a través dun percorrido histórico no que participan “as principais escolas” que integran o museo estatal.
Os obxectos falan. Coleccións do Museo del Prado, chega á Coruña despois de percorrer Zaragoza, Lleida, Girona, Tarragona e Cádiz. Poderá visitarse no espazo expositivo municipal desde hoxe até o 29 de maio de luns a domingo, de 12 a 14 horas e de 18 a 21 horas. O Concello da Coruña promoverá un servizo de visitas guiadas a exposición para grupos, escolares ou de persoas adultas, previa reserva nas datas que soliciten e sempre que estean dispoñibles, así como para particulares, os mércores ás 18:30 e os domingos ás 12:30 horas. Os grupos serán dun máximo de 20 persoas e terán preferencia, no caso das visitas guiadas para particulares, as que se inscribiran previamente, ben no teléfono 981 18 98 98 (de 8:30 a 14:30, de luns a venres, agás festivos), ben no correo electrónico kioscoalfonso@coruna.es ou na recepción do propio Kiosco Alfonso.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible