15 de decembro de 2016
O alcalde, Xulio Ferreiro, e o concelleiro de Culturas, José Manuel Sande, asistirán ao acto de apertura da mostra, que inclúe 250 ilustracións e que se poderá ver ata o 12 de febreiro. A proposta inclúe tamén visitas guiadas e actividades para público infantil
O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, e o concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, participarán mañá, ás 20.00 horas no Kiosco Alfonso, no acto inaugural da exposición Xosé Cobas. A ilustración compartida, no que estará presente o propio autor. A mostra, que organiza o Concello, compila unhas 250 ilustracións dun artista con máis de 30 anos dedicado á ilustración e a pintura, unha selección que se distribúe en tres bloques, como son as súas ilustracións para libros infantís e xuvenís, as imaxes de obras para público adulto e a obra como cartelista. Destaca nela a presentación íntegra das obras O libro das viaxes imaxinarias e Cadros para unha exposición, que se poderán contemplar no primeiro andar da sala de exposicións.
A exposición, que se poderá visitar ata o 12 de febreiro, de luns a domingo, en horario de 12.00 a 14.00 horas e de 18.00 a 21.00 horas contará con visitas guiadas -que se poderán realizar previa solicitude- e vén acompañada de varias actividades, dirixidas a público infantil. De tal xeito, este sábado, día 17, ás 12.30 horas o autor impartirá o taller Os mares sen mar, para nenas e nenos de entre 6 e 10 anos. O martes, 27 de decembro, e o xoves 29, ás 12.30 horas, terá lugar un contacontos, a cargo de Trinketrinke Teatro, O rato ilustrador, para público de entre 4 e 12 anos. Ademais, os domingos 15, 22 e 29 de xaneiro e 5 e 12 de febreiro haberá Talleres en familia, ás 12.00 horas, dirixidos a nenas e nenos de entre 6 e 10 anos.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible