Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

11 de marzo de 2023

Entre os días 15 e 24 de marzo levaranse a cabo sesións informativas nos centros cívicos dos barrios da cidade, co obxectivo de facilitar toda a información precisa ás persoas interesadas no programa

O luns 13 de marzo abre o prazo de solicitude das bolsas comedor para o curso escolar 2023-2024

Este programa social, promovido polo Concello da Coruña, beneficia a máis de 2.000 familias da cidade. Nesta nova edición contará cun orzamento superior aos 2 millóns de euros

O vindeiro luns, día 13 de marzo, ábrese o prazo para presentar as solicitudes de Bolsas Comedor para o curso escolar 2023-2024. A convocatoria diríxese ao alumnado empadroado no termo municipal da Coruña e matriculado en centros con 2º ciclo de Educación Infantil, Educación Primaria, Educación Secundaria Obrigatoria, Bacharelato e ciclos formativos de grao medio de Formación Profesional e Formación Profesional básica.

Como principal novidade, esta edición das Bolsas Comedor habilita a concesión automática da axuda para o pagamento do comedor escolar aos menores que se atopen nun programa de inclusión social e transición á vida autonóma da Rede Municipal de Acollida.

Ademais, as bases desta nova convocatoria atenden á realidade das familias nas que exista unha vítima de violencia de xénero. A novidade radica en que non computará como membro da unidade familiar nuclear o agresor, excluíndo os seus ingresos do cálculo da capacidade económica da unidade familiar.

A alcaldesa, Inés Rey, subliñou que "con esta iniciativa, e co obxectivo de reforzar as políticas sociais, o Concello busca incrementar o apoio ás familias que teñen dificultades para atender as persoas que teñen ao seu cargo".

O curso pasado o número de bolsas concedidas foi de 2.766, o que supuxo un incremento do 10 % con respecto ao ano anterior. É a cifra máis alta na historia deste programa social promovido polo Concello. Tamén o pasado ano foi o de máis peticións, con 3.949 solicitudes.

Como e onde levar a cabo a presentación de solicitudes

Este ano, o prazo de presentación de solicitudes rematará o 12 de abril. A documentación para estas axudas poderase presentar no rexistro telemático da sede electrónica municipal ou de forma presencial, nos rexistros de María Pita, o Centro Sociocultural Ágora, Fórum Metropolitano, na rúa da Franxa e no rexistro do centro cívico de Novo Mesoiro. Os formularios poderán descargarse da web municipal desde o mesmo luns 13 de marzo.

As persoas interesadas poderán recibir máis información nos centros cívicos municipais, a través do teléfono de atención cidadá 010 e na web de Servizos Sociais.

Ademais, co obxectivo de facilitar toda a información precisa ás persoas interesadas no programa, realizaranse diversas sesións informativas nos centros cívicos municipais:

  • 15 de marzo (11.30 horas): Centro Cívico de Monte Alto.
  • 16 de marzo (20.00 horas): Centro Cívico de Novo Mesoiro.
  • 17 de marzo (16.00 horas): Centro Cívico de Monelos.
  • 20 de marzo (16.00 horas): Centro Cívico dos Rosales.
  • 21 de marzo (10.00 horas): Centro Cívico de San Diego.
  • 23 de marzo (18.00 horas): Centro Cívico dos Mallos.
  • 24 de marzo (10.00 horas): Centro Cívico de Pescadores.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión