14 de febreiro de 2020
O Concello establecerá un dispositivo especial de tráfico durante o percorrido da proba que partirá dende o Obelisco ata a Dársena de Oza e dende alí ata a rotonda das Ánimas, no dique de abrigo. A Concellería de Deportes fai unha aposta decidida polo coidado do medio ambiente e a visibilización das enfermidades raras
Case dous mil deportistas, o mesmo número que en anos anteriores, participarán este domingo, día 16, no Medio Maratón C21, que se desenvolverá dende as 10.00 ata as 12.30 horas. O percorrido da proba, organizada pola Concellería de Deportes en colaboración coa Federación Galega de Atletismo, partirá dende o Obelisco ata a Dársena de Oza e dende alí ata a rotonda das Ánimas, no dique de abrigo. O percorrido estará libre de tráfico e acoutado con valados. Os únicos vehículos que poderán circular serán os designados pola organización; deste xeito e mentres dure a proba non se poderá circular polo Cantón Grande, Cantón Pequeno, praza de Mina, praza de Ourense, Sánchez Bregua, Primo de Rivera, praza da Palloza, avda. do Exército e Estrada do Porto ata a rotonda de Oza; tamén permanecerá libre de tráfico o tramo dende o Obelisco ata os Pelamios, avda. de Montoto, da Mariña, Porta Real e Paseo Marítimo ata a Escola de Pablo Picasso.
Neste medio maratón, como ocorreu na Carreira Popular Coruña C10 no pasado mes de outubro, fíxose unha modificación do regulamento da proba co fin de permitir a presenza na carreira de menores con discapacidade en cadeira de rodas.
Inscribíronse na proba dous atletas que irán empuxando as cadeiras de rodas de dous menores moi coñecidos nas carreiras populares desta cidade e que lles axudarán a vivir a experiencia de percorrer 21 quilómetros. Ademais, contaremos coa presenza dunha atleta con discapacidade visual e outro máis con discapacidade física. Con este cambio no regulamento, tanto o Concello da Coruña como a Federación Galega de Atletismo pretenden dar un paso mais na inclusión das persoas con diversidade funcional nos eventos deportivos municipais.
Aposta polo medio ambiente
A Concellería de Deportes fai unha aposta forte polo coidado do medio con medidas como a utilización de dorsais fabricados con papel reciclado e nos que vai unha semente para plantar posteriormente. Ademais, as medallas Finisher, que se lles darán a todas aquelas persoas que cheguen á meta, están feitas en madeira.
Nos puntos de avituallamento intermedio entregaráselles ás persoas participantes auga en vasos biodegradables co fin de intentar eliminar o plástico nestas probas. Colocaranse colectores de lixo específicos para que se depositen os residuos e haberá unha maior presenza de xuíces e xuízas que controlarán que quen participe cumpra coas normas de reciclaxe como establece o regulamento. O reparto de comida ás persoas voluntarias farase en bicicleta.
Doutra banda, por primeira vez todos os carteis e folletos imprimiranse en papel reciclado. Na entrega de dorsais faráselles unha enquisa ás persoas participantes co fin de que quede un rexistro da pegada de carbono para acudir á carreira.
Imparable coas enfermidades raras
A carreira C21 visibilizará o compromiso desta concellería coa loita contra as enfermidades raras cunha foto de familia antes de comezar a proba.
Para iso despregarase unha lona onde quedará de manifesto que a C21 é "Imparable coas enfermidades raras". Correrase co fin de visibilizar e sensibilizar a poboación da loita diaria das persoas que sofren este tipo de enfermidades, porque como di Federación Galega de Enfermidades Raras e Crónicas "a súa tamén é unha carreira de fondo". Ademais da pancarta contarase coa presenza da presidenta da Federación Galega de Enfermidades Raras e Crónicas para entregar os trofeos.
Loita pola paz
Por último, o evento contará tamén coa presenza de Marisa Fernández, portavoz da 2.ª Marcha Mundial pola Paz e Non-violencia na Coruña, que está a percorrer o planeta dende o 2 de outubro de 2019 e que remata o día 8 de marzo de 2020 en Madrid coincidindo co Día Internacional da Muller.
Atletas destacadas/os
Nesta edición correrán de novo atletas destacadas/os tanto na categoría feminina como na masculina, como Marisa Barros, Adawork Aberta, El Bajjaoui Hanan, Samir Ait, Hassane Elkhiadi, Bekele Reta, Derara Aduguma e Cherkaoui Laalami. En canto ás e aos atletas nacionais, sobresaen Manuel Hurtado e Pedro Nimo, ambos os dous galegos, así como Álvaro Marín e Mónica Gutiérrez. Das/os participantes, cinco homes e dúas mulleres chegan cunha marca na presente temporada que supera o récord da proba C21.
As persoas gañadoras do ano pasado foron na categoría masculina Haimanot Mateb Muleneh, cun tempo de 1:03:02, e na categoría feminina Alemaddis Eyayu Sesay, cunha marca de 1:11:18.
INCIDENCIAS NO TRÁFICO
1-Corte dos Cantóns: SAÍDA, desde as 6.30 ás 14.30 horas, no tramo de praza de Mina- Ambrosio Feijoo. ENTRADA, desde 9.00 ás 13.00 horas, desde a praza de Mina ata o Paseo do Parrote, desviarase o tráfico de saída pola praza do Emigrante - túnel do Parrote e de entrada á cidade pola praza de Mina - Juana de Vega.
2. Incidencias na AC-10, AC-11 e AC-12, túnel de Eirís, Alfonso Molina e avenida da Pasaxe, de 7.30 a 12.30 horas, consistente en:
-AC-10, o tráfico de acceso ao porto que sae do túnel será obrigado a baixar á glorieta de Casablanca.
-AC-11, mantense a conexión Alfonso Molina-avenida do Porto poñendo un carril para cada sentido de circulación desde o viaduto ata a Delegación do Goberno .
-AC-12, avenida da Pasaxe córtase o tráfico de entrada desde o CHUAC e desvíase cara á ligazón de Casablanca, mantense unha permeabilidade para acceder ao Porto.
3. Corte do percorrido do circuíto de 9.30 a 13.30 horas que xerará os seguintes desvíos:
-Córtase o Paseo Marítimo desde o castelo de San Antón ata a altura do cemiterio de Santo Amaro. Impídese o acceso desde a glorieta de Durmideiras e Veramar.
-Mantéñense todos os movementos de tráfico no tritúnel. Hai que destacar a conexión de saída por Metrosidero-Julio Portela Ceballos (Hípica)-Paseo Marítimo-praza do Emigrante (Castelo de San Antón)-túnel do Parrote, itinerario que usará obrigatoriamente o transporte público.
-Córtase a rúa Santa Catalina e desvíase o tráfico de Durán Loriga pola devandita rúa cara á rúa San Andrés.
-Habilítase un carril en Linares Rivas, pegado ás casas para permitir a saída dos garaxes.
-Mantense un carril desde a Costa da Palloza cara a Ramón y Cajal. Respéctase o acceso á Casa do Mar, que usará o transporte interurbano.
-Córtase o viario do porto entre a Casa do Mar e Oza. Permítese só a entrada e saída ao porto en ambas as glorietas.
4.Outras incidencias:
- Suprímese o estacionamento en:
-Paseo Marítimo desde Veramar ata a praza do Emigrante
-Praza do Emigrante
-Avenida da Pasaxe, desde a Casa do Mar ata a glorieta coa rolda de Outeiro
-Estrada de acceso ao porto desde a Casa do Mar
- Desprázase a parada de taxis dos Cantóns ao Cantón Pequeno de 6.30 a 9.30 horas e a de Santa Catalina de 9.30 a 14.30 horas.
- Aparcadoiro dos Cantóns, respéctase o acceso desde Linares Rivas e a saída por Ambrosio Feijoo.
TRANSPORTE URBANO
-Os autobuses en sentido Abente y Lago-praza de Ourense poderán circular ata as 9.00 horas polo paseo do Parrote, avenida de Montoto, Ambrosio Feijoo (Correos), avenida do Porto e praza de Ourense.
Está previsto cortar os accesos ao circuíto da carreira a partir das 09.30 horas polo que, a partir dese momento, desde Catro Camiños e con sentido de circulación cara a Porta Real, as liñas 1, 1A, 2, 2A, 5, 17, 23 e 23A pasarán a circular por Enrique Hervada, Castiñeiras, viaduto de Alfonso Molina, praza de Ourense, avenida do Porto, túnel de María Pita e praza das Atochas. Desde alí as liñas 5 e 17 continuarán por Orillamar, onde recuperarán o seu itinerario habitual, mentres que a 1, 1A, 2, 2A, 23 e 23A circularán por Metrosidero, Julio Portela, Ceballos (Hípica), Paseo Marítimo cara ao Abente y Lago, desde onde continuarán polo túnel do Parrote, avenida do Porto, praza de Ourense, avenida de Alfonso Molina, Paxariñas e Catro Camiños, onde cada unha delas recuperará o seu itinerario habitual.
-Instalaranse paradas provisionais, en ambos os sentidos de circulación, na avenida do Porto, nas proximidades do Quiosco Alfonso.
-As liñas 1 e 17, desde Catro Camiños e cara aos Castros, circularán pola avenida de Oza.
-A liña 14, desde os Castros cara a Catro Camiños, circulará pola avenida de Oza.
-As liñas 21, 22 e 24, desde Catro Camiños circularán por Castiñeiras, Federico Tapia, praza de Galicia, facendo cabeza de liña en Juan Flórez 10, onde as liñas 22 e 24 recuperan o seu itinerario habitual. A liña 21 continuará por Juan Flórez cara a San Pedro de Mezonzo e Catro Camiños onde se reincorporará ao seu itinerario habitual.
-As liñas 3 e 7, desde San Andrés continuarán pola rúa Alta, Paseo Marítimo, rúa Hospital, praza de España e Orillamar, onde se incorporarán ao seu itinerario habitual.
-A liña 3A, en sentido cara aos Rosales, desde a praza de España circulará por Panadeiras e San Andrés e reincorporarase na praza de Pontevedra ao seu itinerario habitual.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible