Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

31 de maio de 2016

O Pazo de María Pita acolle mañá o primeiro encontro informativo e de debate coa cidadanía sobre os Orzamentos Participativos, "un proxecto pioneiro que abre un punto de non retorno nas políticas coa veciñanza"

O alcalde, Xulio Ferreiro, e a concelleira de Participación Cidadá e Innovación Democrática, Claudia Delso, intervirán na xuntanza, na que se explicará ás persoas que se acheguen o mecanismo para decidir o destino de parte dos investimentos locais

O Pazo de María Pita acollerá mañá, ás 19.00 horas, o primeiro encontro aberto á cidadanía sobre os Orzamentos Participativos, á fin de debater sobre o investimento, en proxectos para os barrios e a cidade, dun millón de euros reservados nos presupostos municipais do ano 2017. O obxectivo da xuntanza, na que intervirán o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, e a concelleira de Participación Cidadá e Innovación Democrática, Claudia Delso, será presentar este proceso participativo, así como o funcionamento da plataforma dixital A Porta Aberta, a través da cal a veciñanza poderá presentar as súas propostas, valoralas e votalas, así como seguir a súa execución unha vez sexan aprobadas. Delso sinalou que a posta en marcha deste proceso, "un proxecto pioneiro na cidade", supón "un punto de non retorno nas políticas de participación", en canto á adquisición "dun novo dereito" para a veciñanza. "Con esta iniciativa o Goberno local abre os orzamentos municipais á cidadanía para que non se volvan pechar xamais", concluíu a edil.

A responsable municipal afirmou que coa activación desta proposta, o executivo coruñés "afonda e comeza a introducir" políticas de participación "que fomentan a democracia directa". "Con este proxecto piloto, a cidadanía pode decidir por vez primeira, dun xeito directo, que quere facer cun millón de euros do capítulo de investimentos dos Orzamentos do ano que vén", recordou a titular de Participación e Innovación Democrática.

Doce encontros para debater as necesidades da cidade

O Concello organizará, co inaugural de mañá, 12 encontros en distintos barrios da cidade artellados para "a reflexión colectiva e para o debate entre as e os veciños", explicou a concelleira, quen avanzou que "non serán tanto para recibir propostas como si para incitar ao debate sobre as necesidades da Coruña ou reflexionar sobre as achegas que se farán posteriormente na plataforma dixital". Estes encontros, que permitirán expoñer dun modo accesible o proceso, servirán para explicar as distintas fases -desde como presentar propostas en canto o Goberno local abra o prazo de recepción das mesmas ata votalas- e conceptos ou resolver dúbidas sobre o proceso, para, de seguido, abrir o espazo de debate sobre as necesidades da cidade.

Estes espazos de debate comezarán mañá no Salón Real de María Pita e continuarán desde o día 2 de xuño no Espazo Municipal de Pedralonga (Down), no Centro Cívico Municipal de Novo Mesoiro (6 de xuño), Centro Cívico dos Mallos (8 de xuño) e o Centro Cívico Municipal de Monelos (13 de xuño), e contarán con servizo de conciliación e linguaxe de signos.

As bibliotecas municipais e o Centro Municipal de Información Xuvenil (CMIX), tamén se converterán en espazos de referencia durante o proceso dos Orzamentos Participativos -xa que o seu persoal poderá resolver as dúbidas sobre o mesmo e cuestións sobre o funcionamento da plataforma A Porta Aberta- e organizarán de forma autónoma encontros, abrindo estes espazos "de produción de coñecemento e pensamento", segundo Delso, "á reflexion e ao debate". As xuntanzas arrincarán o día 7 de xuño na Biblioteca da Sagrada Familia e continuarán nos centros Castrillón (8 de xuño), Os Rosales (9 de xuño), Fórum e CMIX (9 de xuño), Infantil e Xuvenil de Durán Loriga (11 de xuño), Ágora (13 de xuño) e Monte Alto (14 de xuño).

Para máis información sobre os Orzamentos Participativos e os seus encontros, pode consultarse a plataforma www.aportaaberta.coruna.es e a web municipal www.coruna.es/participacion  

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión