Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

3 de xaneiro de 2017

O Plan de Pago Personalizado dos tributos locais amplía este ano as posibilidades de fraccionamento e estende a bonificación do 3% ao IVTM, ademais do IBI

O Goberno local implantará neste 2017 o novo calendario fiscal, despois da moratoria dun ano acordada o pasado exercicio para permitir que a cidadanía conte con toda a información para elixir a modalidade de pagamento dos seus impostos “e poder planificarse e axustar o ritmo de pago ás súas dispoñibilidades económicas”. A solicitude do pagamento fraccionado pode realizarse ata o 31 deste mes de xaneiro

A concelleira de Facenda e Administración, Eugenia Vieito, deu a coñecer este martes as melloras que incorpora este ano o Plan de Pago Personalizado dos tributos locais, que ofrece ás e aos contribuíntes a posibilidade de realizar o pagamento fraccionado dos impostos de vencemento periódico, como son o imposto sobre bens inmobles (IBI), o imposto de vehículos de tracción mecánica (IVTM) e o imposto de actividades económicas (IAE), ademais da taxa de lixo e de vados, e que ata o 31 deste mes mantén aberto o prazo para acollerse a esta modalidade. Tal e como avanza a responsable municipal, neste momento son xa 1.778 as altas rexistradas para acollerse ao Plan de Pago Personalizado, que durante todo este mes será obxecto dunha campaña de reforzo informativo dirixida a garantir que a totalidade das persoas interesadas poidan optar a esta fórmula de pagamento e aos seus beneficios.

Tal e como fai notar, a forma de pago fraccionada incorpora este ano diversas novidades, despois da implantación da aplicación informática de xestión tributaria, que permite estender a bonificación do 3% ás persoas que se acollan ao pagamento fraccionado ao imposto de vehículos de tracción mecánica, que se suma así ao IBI, que xa obtivo bonificación no pasado exercicio. Do mesmo xeito, as persoas que opten por esta forma de pago na totalidade ou nalgún dos tributos de vencemento periódico poderán dividir as cotas en dous, tres, catro, cinco ou seis prazos, de xeito que o aboamento se realizará de forma fraccionada, entre o 1 de marzo e o 1 de outubro. Igualmente, o Plan inclúe entre as súas novidades a desaparición da cota mínima líquida de cada fraccionamento, que previamente se establecía en 60 euros para particulares e 120 euros para contribuíntes que realicen actividades económicas.

Este sistema de pagamento, indica a responsable municipal de Facenda e Administración, ten como obxectivo "axustar o ritmo de pago ás dispoñibilidade económicas da cidadanía, en especial das familias, para que poidan  planificar estes gastos e, ao tempo, facilitar a implantación do novo calendario fiscal, unha vez vencida a moratoria establecida o pasado ano para permitir a adaptación á nova calendarización". Deste xeito, o calendario fiscal que entra en vigor este 2017 establece novos períodos de pagamento para aqueles cidadáns e cidadás que elixan aboar os tributos nun único prazo, de maneira que o pagamento do IVTM realizarase entre o 4 de marzo e o 4 de maio, mentres que o período do pago do IBI pasa a fixarse entre o 5 de maio e o 15 de setembro. Entre o 15 de setembro e o 5 de decembro estará aberto o prazo de cobro do IAE e as taxas de lixo, actividades comerciais, profesionais e industriais, a entrada de vehículos e cemiterios, así como a de aparatos distribuidores. En canto ás persoas que opten pola domiciliación bancaria dos tributos locais, as datas de cargo nas contas realizaranse neste exercicio 2017 os días 4 de abril para o IVTM, o 4 de xullo para o IBI e o 4 de outubro para o IAE e o resto de taxas.

Os recibos, segundo recorda a concelleira de Facenda, poderanse pagar a través da web municipal (www.coruna.es) sen certificado dixital nin custo, calquera que sexa a tarxeta de pago utilizada ou con certificado dixital na carpeta cidadá red.es. De igual xeito, pódese realizar os pagamentos na Caixa Municipal (rúa da Franxa, 29), nas oficinas de Abanca, Caixabank, Santander, Sabadell, Banco Pastor e BBVA, en caixeiros automáticos e a través da APP móvil do Concello para IOS e Android. En canto á solicitude para realizar o pagamento fraccionado, o formulario está dispoñible para descarga na web www.coruna.es/pagopersonalizado, que inclúe  toda a información relativa ao plan de Pago Personalizado, ou nas oficinas e rexistros municipais. Toda a  información pódese recabar tamén a través do servizo de atención telefónica 010.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión