Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

19 de febreiro de 2024

A sétima edición do Encontro de Síntese Modular da Coruña terá lugar do 3 ao 5 de outubro

O planetario da Casa das Ciencias acollerá catro sesións do festival de música electrónica Modulartec Vortex

A primeira actuación será este venres, 23 de febreiro, con música de Fatfish e imaxes de José Manuel Saudinos

O concelleiro da Área de Fomento e Promoción da Cidade, Gonzalo Castro, presentou esta mañá a programación do ciclo Vortex do festival de música electrónica Modulartec. As catro sesións terán lugar no planetario da Casa das Ciencias entre febreiro e outubro e a primeira será este venres 23.

A sétima edición do Encontro de Síntese Modular da Coruña, Modulartec, terá lugar do 3 ao 5 de outubro en diferentes espazos da cidade, contando cunha selección de artistas de música electrónica experimental que se anunciará nos próximos meses. Dentro da programación do festival, Modulartec Vortex son sesións que se desenvolverán no planetario da Casa das Ciencias.

"Esta será unha edición moi especial, pois os novos proxectores dixitais do planetario permitirán levar a cabo a creación de visuais en tempo real", indicou Gonzalo Castro durante a rolda de prensa, na que estivo acompañado por Ricardo Ramos, director de Modulartec, e Marcos Pérez, director dos Museos Científicos Coruñeses. O edil destacou a vontade do Goberno de Inés Rey por expandir a cultura e a música en todas as súas vertentes nos diferentes espazos municipais.

Vortex e Lab, programación paralela de Modulartec

O ciclo Vortex naceu como unha homenaxe ás sesións de música experimentais que comezaron en 1959 no Morrison Planetarium de San Francisco, proxecto multimedia pioneiro no que a música electrónica e a creación visual en directo atopáronse por vez primeira baixo a cúpula inmersiva dun planetario. Este venres 23 de febreiro abrirá o ciclo un "dj set" en vinilo de Fatfish, proxecto de Ricardo Ramos, que contará con visuais en directo de José Manuel Saudinos. Fatfish é un habitual da escena da música electrónica nacional e internacional, con actuacións en eventos da envergadura de Sónar ou WOS. As entradas estarán á venda a partir deste martes 20 ás 11.00 horas na páxina web da Casa das Ciencias.

O ciclo Vortex continuará cunha sesión de música e visuais de Hataken o venres 26 de abril. O venres 28 de xuño será a quenda de Sofía de África, mentres que o ciclo rematará o 4 de outubro, durante a programación de Modulartec, cunha sesión de música de Xearanx e de visuais de Servando Barreiro. Por outra banda, os días 2 e 3 de marzo terá lugar o Modulartec Lab, un obradoiro de montaxe e programación dun sintetizador modular programable Simple Touch de Synthux, que se desenvolverá na Domus. Serán dúas sesións de dúas horas que comezarán ás 17.00 horas. A organización proporcionará todas as ferramentas necesarias para a montaxe.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión