13 de marzo de 2018
A Concellería de Participación e Innovación Democrática presenta esta tarde a axenda desta etapa de traballo, na que se contará con entidades do barrio e colectivos vinculados á mocidade
A Concellería de Participación e Innovación Democrática pon en marcha o proceso de deseño colectivo da xestión e os usos das Naves do Metrosidero, que se definirán ao longo de oito encontros mensuais que comezarán o 14 de abril e nos que os e as participantes irán traballando a proposta xunto a persoal técnico do Concello, que se encargará de asegurar a viabilidade das ideas. A edil de Participación, Claudia Delso, explica que se trata de un proceso chave para a definición e concreción dun equipamento público chamado a ser "un espazo plural, diverso e inclusivo para a mocidade da Coruña e tamén da zona metropolitana nun terreo que foi recuperado para o seu uso público".
O proceso para deseñar os futuros usos do espazo e tamén como se vai xestionar comeza esta mesma tarde cunha reunión aberta á cidadanía na que a concelleira informará da proposta do goberno local para organizar o traballo que se levará a cabo nos próximos meses sobre o futuro das naves. Delso indica que o goberno local busca "promover un foro de traballo aberto e colaborativo, para reflexionar arredor dunha proposta que pretende dotar á mocidade dun espazo de referencia, no que se sitúe como un suxeito activo e poida empoderarse". A apertura desta etapa de reflexión culmina a de regularización dos terreos, que pasaron á titularidade municipal en xaneiro, despois de estar pendentes dunha cesión definitiva por parte do Ministerio de Fomento desde o ano 1984. Un obxectivo que se cumpre tras varios gobernos municipais e que permite, por unha parte, aumentar o patrimonio de solo municipal e, por outra, blindar ese terreo para o uso público e de toda a veciñanza.
A partir de esta primeira reunión, proponse articular un espazo de traballo que deberá ser "aberto e plural, así como representativo de todas as entidades, organizacións e colectivos, tanto formais como informais, da cidade que estean vinculadas á mocidade". Delso incide en que o goberno local contará con todos aqueles axentes do tecido xuvenil e entidades do barrio que se queiran sumar ao proceso que xa supón, en si mesmo, un cambio e avance na planificación participada dos espazos públicos.
A Concellería de Participación e Innovación Democrática presentou a proposta do Concello, que parte de dotar ao barrio dun equipamento xuveníl e "dar resposta así a unha importante carencia na nosa cidade" e ofrecer ás mozas e mozos da Coruña e da área metropolitana un "espazo accesible e facilitador que as o os acompañe para desenvolver as súas inquedanzas creativas, produtivas, de investigación ou de aprendizaxe". Por este motivo, o Goberno local aposta porque as naves "conten cun sistema de xestión plural, que implique tanto ás persoas usuarias como a colectivos informais e ao propio Concello". Algunas das posibilidades de xestión xa foron exploradas nas xornadas Hiperespazos que se celebraron o pasado mes de novembro no Centro Ágora.
Na súa primeira xuntanza abordará a presentación da proposta inicial de usos feita polo Concello e o coñecemento dos espazos dispoñibles e a obra prevista tanto nas naves como no exterior. O obxectivo é que, neste encontro, se propoñan os usos principais dos espazos. Nas seguintes reunións abordarase o uso xeral e para cada unha das naves, farase un traballo de análise sobre o modelo de xestión posible e se redactará unha proposta de plan de usos e tamén de xestión para o seu debate e mellora, que deberán quedar consensuadas en decembro. As xuntanzas celebraranse unha vez ao mes -excepto en agosto, que non está previsto un encontro- no centro cívico da Cidade Vella e, preferentemente, en sábado pola mañá para facilitar a asistencia da cidadanía, xa que serán abertas a quen queira acudir.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible