Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

7 de marzo de 2022

O programa ‘Cidade Refuxio’ contará con 100.000 euros nos Orzamentos 2022 do Concello da Coruña

O acordo entre o goberno local e a Marea Atlántica inclúe unha partida para a acollida de persoas que foxen da guerra en Ucraína, sen pecharlle a porta ás vítimas doutros conflitos

O proxecto de Orzamentos 2022 do Concello da Coruña, froito da negociación entre a Marea Atlántica e goberno local, reserva unha partida de 100.000 euros para reforzar a acollida de persoas refuxiadas, no marco do programa 'Cidade Refuxio'. Ante a emerxencia humanitaria derivada da guerra na Ucraína, acordouse reforzar esta partida orzamentaria e tenderlle a man ás persoas que abandonan o país eslavo para protexer as súas vidas, así como ás vítimas doutros conflitos bélicos. 

Con precedentes coma o ofrecemento de acollida ás refuxiadas da guerra de Siria en 2015, o Concello da Coruña debe poñer os seus recursos ao servizo da acollida humanitaria, tal e como se abordou a pasada semana coas entidades Cruz Vermella e Accem, coas que o goberno local se comprometeu a coordinarse. 

Do mesmo xeito, o Orzamento 2022 renovará o convenio con Acampa pola Paz e o Dereito ao Refuxio, asociación que traballa para sensibilizar á poboación dos efectos das guerras e as migracións. Contará con 50.000 euros para desenvolver o seu labor, incluíndo o encontro anual polo dereito ao refuxio que organizan na Coruña. 

A Marea Atlántica e o goberno local queren, ademais, amosar o seu rexeitamento á invasión rusa sobre a Ucraína, e trasladar toda a súa solidariedade ao pobo ucraíno que está a sufrir con esta agresión. 

En palabras do voceiro do goberno, José Manuel Lage, "a Unión Europea debe tomar todas as medidas que sexan precisas para frear o ataque ruso e para axudar e auxiliar á poboación afectada e España, Galicia e A Coruña deben amosar, como sempre fixeron neste tipo de situacións, o seu compromiso e solidariedade coa poboación afectada". 

Para María García, voceira da Marea, "non se pode esquecer que o porto da Coruña foi escenario de incontables migracións das nosas veciñas e veciños, que marcharon na procura de medios de subsistencia ou fuxiron da represión franquista. Hoxe son outras as persoas que precisan refuxio, e ofrecerllo é una obriga ética, sexa cal sexa a súa nacionalidade, lingua, crenzas ou cor de pel".

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión