12 de xaneiro de 2016
A preinscrición para participar nas actividades que oferta a Concellería de Culturas realizarase os días 13 e 14 de xaneiro
A Concellería de Culturas, Deporte e Coñecemento vén de presentar a oferta dos programas de lecer que terán lugar no Centro Ágora e no Fórum Metropolitano nos vindeiros meses. Nos espazos municipais impartiranse, a partir do 1 de febreiro, 117 obradoiros distintos (58 no Fórum e 59 no Ágora) En total, haberá 3.310 prazas dispoñibles nos dous equipamentos. As persoas que desexen participar nalgún obradoiro poderán presentar a súa preinscrición os días 13 e 14 de xaneiro nas conserxerías dos centros do Ágora e o Fórum en horario de 9.00 horas a 14.00 horas, e de 16.00 horas a 20.00 horas ou por vía telemática. Asemade, as inscritas nos cursos de outono que desexen continuar coas actividades e que asistiran a un mínimo do 50% das sesións, poderán formalizar a inscrición nas instalacións municipais e aboar en efectivo o importe correspondente. Cada taller terá un custo de 30 euros, agás para os maiores de 65 anos, que deberán aboar unha cota de 21 euros no seu caso.
O Programa de Lecer dos equipamentos xestionados pola Concellería de Culturas, Deporte e Coñecemento ofrece obradoiros de temática variada. Así, haberá 17 cursos sobre historia e arte nos que se tratarán sobre o mundo da pintura, escultura ou animación; e outros 11 sobre arquitectura da Coruña, que incluirán actividades como paseos por diversas zonas do municipio, para coñecer a súa historia e arquitectura. Cada centro impartirá cursos de fotografía, astronomía, cine ou literatura, música, teatro, creatividade manual e programas dedicados as persoas maiores de 65 anos nas que se inclúen obradoiros de memoria, iniciación a lectura ou actividades motrices para manterse en forma. Ademais, o centro Ágora acollerá 9 talleres de cociña e do mundo da gastronomía totalmente distintos, desde cociña para principiantes, de tempada, italiana, africana e de repostería sen gluten ou creativa.
Unha vez feita a inscrición de continuidade e preinscrición, o venres 15 de xaneiro, ás 10.00 horas, celebrarase o sorteo de prazas. As listaxes dos talleres adxudicados publicaranse o martes 19 e estarán dispoñibles en ambos os dous equipamentos, ademais da web municipal e no teléfono de atención cidadá 010. A inscrición terá que ser formalizada o mesmo día 19 ou o mércores 20. Entre os días 21 e 22 de xaneiro procederase a chamar as persoas en lista de espera para que poidan formalizar a súa inscrición durante os días 25 e 26. A partir do 28 as prazas que puideran ter quedado vacantes quedarán a disposición de quen as solicite.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible