Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

24 de outubro de 2017

O programa de ocio alternativo Nocturnia ofrece máis 1.200 prazas para actividades no último trimestre do ano

Iniciación ao surf e ao fútbol gaélico, rutas de sendeirismo, obradoiros de cociña tradicional chinesa ou repostería, improvisación, xogos de estratexia ou ioga tibetano serán algunhas das propostas para as fins de semana de outubro a decembro

Nocturnia, o programa de ocio gratuíto para mozas e mozos de 12 a 30 anos da Concellería de Participación e Innovación Democrática, abre hoxe o prazo de inscrición para as actividades que se desenvolverán nas fins de semana entre os meses de outubro e decembro. Serán 1.225 prazas as dispoñibles para esta nova edición da iniciativa municipal, que ofrece, nesta ocasión, 60 propostas que van desde as actividades deportivas até as formativas, pasando por culturais ou recreativas coa finalidade de favorecer unha educación para o lecer saudable e xerar hábitos que favorezan o desenvolvemento integral da xuventude.

Nesta primeira fin de semana de actividades, o programa ofrecerá propostas como iniciación ao surf, un bootcamp roller derby, rutas de sendeirismo ou un taller de deseño e estampación en papel. Xa de cara ao mes de novembro, celebraranse obradoiros tan diversos como de cociña tradicional e caligrafía chinesa, break dance, danzas polinesias ou de bixutaría; así como sesións de introdución a disciplinas deportivas como o piragüismo, boxeo sen contacto, fútbol gaélico ou escalada en rocódromo. Tamén haberá ocasión de participar en actividades de capoeira, pilates, clown e zumba; ademais de asistir a roteiros sobre personaxes coruñesas ou rutas de sendeirismo en Rois e Muxía.

No mes de decembro as actividades terán lugar na primeira e na terceira fin de semana. Así, mentres os días 1 e 2 as rapazas e rapaces poderán crear os seus cadernos de viaxe, gorras ou axendas, na seguinte fin de semana realizarán obradoiros de animación en debuxo, repostería saudable sen azucre ou de arquitectura para interpretar a cidade. Neste mes tamén haberá actividades deportivas, como defensa persoal ou rutas de sendeirismo.

A inscrición --que é gratuíta-- para as actividades de Nocturnia pode realizarse a través da páxina web www.coruna.gal/cmix con periodicidade semanal. Así, as persoas interesadas en participar nos obradoiros dunha fin de semana, poderán realizar a súa inscrición desde o luns anterior á actividade, desde as 16.00 horas, ata as 12.00 horas do xoves anterior á actividade --ou que se esgoten as prazas dispoñibles para cada actividade--. Para máis información, pódese visitar a páxina web www.coruna.gal/participacion así como as redes sociais --Facebook e Twitter-- deste programa, ademais de consultar o novo número da revista 'Coruña Mutante', dispoñible nos diversos equipamentos municipais.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión