25 de xuño de 2017
A concelleira de Medio Ambiente, María García, celebra a redución de voluminosos e palés que se baixaron este ano aos areais e chama a seguir traballando para conseguir unha festa con residuo cero
A concelleira de Medio Ambiente, María García, participou este domingo na derradeira acción do programa de sensibilización ambiental Móllate! deste ano, que rematou esta mañá cunha intervención de limpeza na praia do Orzán, dirixida a dar visibilidade aos residuos de pequeno tamaño que quedan na area despois da noite de San Xoán, e que resisten as tarefas de limpeza con maquinaria, caso de puntas, cristais pequenos e outros obxectos que se agochan en palés e voluminosos. "Este ano, percibimos unha diminución moi importante deste tipo de material e mobles na praia, a xente foi respectuosa coas indicacións do bando municipal, que tivo moi bo seguimento", valorou a concelleira, que reiterou hoxe a súa satisfacción polo "éxito que supón a sensibilidade ambiental amosada pola cidadanía na celebración deste ano". "Este é un un fito que nos leva a entender dunha nova forma a celebración do San Xoán, pero aínda así, calquera resto que queda nos area nos obriga a seguir traballando para conseguir unha festa con residuo cero, sen ningún impacto nas praias, algo que se pode facer, tal e como demostrou a veciñanza este venres, cando o Concello fai o seu labor e pon os medios", observou. Neste sentido, subliñou a satisfacción pola redución de lixo recollido, arredor de 50 toneladas menos que o ano pasado, "e, sobre todo, o feito de que moita parte estivese nos contedores e non na praia nin no mar; podemos celebrar como un éxito que non chegase lixo á auga", valorou.
Na acción desta mañá, na que participaron máis dunha decena de persoas voluntarias, quíxose amosar que aínda que as máquinas de limpeza fixeron onte o seu traballo e deixaron limpas as praias, hai lixo que pode quedar na area ou na auga como resultado das accións menos respectuosas na noite de San Xoán e que teñen igualmente impacto ambiental. Desta maneira púxose fin á segunda edición de Móllate!, iniciativa que desde o mes de abril traballou na cidade para sensibilizar na importancia dun San Xoán limpo e sustentable, e dirixido tamén á adquisición de novos hábitos sostibles por parte da cidadanía.
En total participaron en Móllate! máis de 300 persoas, entre o alumnado de varios centros de ensino da cidade, profesorado, Fundación Érguete, escolas de surf, praceiras e praceiros de diferentes mercados da cidade, voluntariado e o equipo de profesionais de Móllate. Durante tres meses leváronse a cabo máis dunha decena de accións de rúa, sensibilización en centros escolares e gravación de vídeos ou cuñas de radio, que tamén se empregaron nas locucións na praia.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible