14 de abril de 2026
A xornada reuniu a preto de 35 persoas representantes de pemes, persoal técnico municipal e entidades socias do proxecto
A Cidade das TIC acolleu hoxe un taller participativo con empresas no marco do proxecto Allocate, financiado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través da Iniciativa Urbana Europea (EUI), co obxectivo de avanzar na creación dunha comunidade de computación local e na definición de novos retos tecnolóxicos.
A xornada, celebrada no Centro de Servizos Avanzados (CSA), reuniu a preto de 35 persoas, entre representantes de pemes, persoal técnico municipal e entidades socias do proxecto. O encontro enmárcase na aposta do Concello da Coruña por fomentar espazos de colaboración co tecido empresarial, co obxectivo de identificar necesidades, compartir coñecemento e favorecer a súa participación en iniciativas de innovación impulsadas desde o ámbito municipal. "Allocate é unha grande oportunidade para o desenvolvemento dunha IA verde e impulsada desde o local, unha oportunidade para as empresas e pymes e tamén para o noso Concello, que poderá poñer en práctica proxectos piloto en distintos ámbitos", indicou o concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica, José Manuel Lage.
Neste contexto, Allocate impulsa a creación dunha comunidade local de computación, concibida para mellorar a competitividade do sector TIC mediante o uso de intelixencia artificial verde e ética. Esta comunidade ofrecerá ás empresas formación especializada, acceso a datos urbanos reais e unha plataforma de hardware e software para o adestramento de algoritmos. Ademais, formúlanse tres retos vinculados a necesidades reais da cidade, relacionados coa mobilidade, a xestión de residuos e a atención a incidencias cidadás, como punto de partida para transformar os retos urbanos en oportunidades de colaboración.
O taller estruturouse en dous grandes bloques de traballo. Nunha primeira parte, abordáronse os elementos clave para a configuración da comunidade de computación, como as normas de uso, a propiedade intelectual, a formación e o acceso a recursos. As persoas asistentes traballaron en grupos rotativos en distintos espazos temáticos dedicados á formación, aos recursos tecnolóxicos e ao networking, empregando metodoloxías dinámicas para identificar prioridades e necesidades.
A continuación, a sesión centrouse nos casos de uso, permitindo ás empresas priorizar retos, compartir experiencias e detectar posibles riscos de cara a futuras convocatorias, tomando como referencia iniciativas similares desenvolvidas noutros territorios.
A xornada finalizou cunha posta en común das principais conclusións e unha quenda de preguntas. Con este tipo de accións, o Concello da Coruña reforza o seu compromiso coa colaboración público-privada, o fortalecemento do ecosistema tecnolóxico local e o posicionamento da cidade como referente en innovación e transformación dixital ética e sostible.

19 de febreiro de 2026

4 de febreiro de 2026

26 de xaneiro de 2026
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible