22 de abril de 2019
Xulio Ferreiro trasladou as condolencias da Corporación municipal á súa familia e persoas achegadas. O Goberno local adía o acto de homenaxe aos e ás primeiras concelleiras do actual período democrático así como a xornada de portas abertas previstos para este martes.
O Concello da Coruña quere trasladar o pésame de toda a Corporación municipal á familia e persoas achegadas de Joaquín López Menéndez, alcalde da cidade entre 1981 e 1983 e que faleceu este domingo. O Pazo de María Pita acollerá a súa capela ardente durante o día de mañá, martes, dende as 10.30 horas para permitir a despedida por parte da cidadanía. O alcalde, Xulio Ferreiro, que se puxo onte á disposición da familia para a despedida de López Menéndez, verbalizou esta mañá as condolencias e tivo unhas palabras de lembranza sobre o exalcalde, ao que salientou como "figura protagonista dunha época convulsa na que era posible discutir e falar mantendo a cidade da Coruña e os seus intereses no centro do debate".
As portas do Salón de Plenos do Concello estarán abertas dende as 10.30 horas, ao que a cidadanía poderá acceder pola escaleira secundaria do edificio debido ás obras que se están a realizar na vidreira situada na escaleira principal do Pazo.
A instalación da capela ardente supón o adiamento do acto de conmemoración do 40º aniversario da constitución da primeira corporación do actual período democrático na Coruña que estaba previsto para o día de mañá e para as que se anunciará, no tempo máis breve posible, unha nova data. O Goberno local apraza tamén a anunciada xornada de portas abertas e as visitas guiadas que acompañaban a este acto.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible