23 de maio de 2025
A liña 11 de autobús, que xa percorría a rúa en sentido de ida e volta antes das obras, volverá estar operativa a partir da semana que vén
A alcaldesa, Inés Rey, informou hoxe de que o servizo de transporte urbano volverá circular por Pla y Cancela a partir deste luns 26 de maio. Isto supón, para os efectos prácticos, a volta á normalidade desta rúa da Falperra en termos de mobilidade, que xa se abriu ao paso de vehículos recentemente.
Agora, tras as últimas inspeccións técnicas no pavimento de formigón -habituais nestes casos para comprobar a resistencia do firme ante o paso de vehículos máis pesados-, o Concello deu luz verde ao regreso dos autobuses urbanos e, máis concretamente, da liña 11, que xa pasaba anteriormente por Pla y Cancela en sentido de ida e volta.
Rey apuntou, ademais, que ao longo destes últimos días finalizaron as actuacións que estaban en execución na rúa Juan Castro Mosquera e na Costa da Unión, complementarias ás obras de Pla y Cancela, que remataron a inicios de abril. "En Juan Castro Mosquera e a Costa da Unión só restan pequenos detalles que non esixen manter as rúas pechadas ao tráfico, polo que tamén están abertas e, nos vindeiros días, concretaremos os remates pendentes", precisou.
Máis dun millón de euros de investimento no barrio da Falperra
As melloras en Pla y Cancela, Juan Castro Mosquera e a Costa da Unión supuxeron, no seu conxunto, un investimento de 1,1 millóns de euros, cofinanciados con fondos Next Generation captados polo Goberno de Inés Rey nas diversas convocatorias de axudas europeas.
Esta partida permitiu actuar sobre unha superficie de máis de 6.500 metros cadrados no barrio da Falperra, atendendo cuestións fundamentais para a súa veciñanza como a mellora da accesibilidade en treitos de pendente, como é o caso de Pla y Cancela. "Ao igual que pasa noutros barrios da cidade como O Castrillón e Monte Alto, A Falperra ten unha configuración urbanística moi especial, con puntos de máis desnivel que facían máis difícil o tránsito peonil, por exemplo, a persoas en idade máis avanzada. Por iso actuamos aquí", razoou a alcaldesa.
Ademais, en Pla y Cancela renovouse todo o firme da calzada, ampliáronse as beirarrúas, renovouse a rede de saneamento de augas residuais, creouse unha nova rede separadora para recoller as de orixe pluvial e, a maiores, dotouse a rúa de novo arboredo e áreas verdes.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible