16 de xullo de 2026
A alcaldesa, Inés Rey, visitou hoxe as novas instalacións do servizo en Agrela, que duplican a capacidade da que dispoñía o Concello anteriormente para o seu mantemento e xestión
O servizo municipal BiciCoruña, impulsado polo Concello, sigue medrando e achégase por primeira vez na súa historia ás 20.000 persoas usuarias. Son case 4.000 máis que as que se contabilizaban o ano pasado, un incremento motivado, en boa parte, pola fase de expansión que se completou a finais do 2025.
Esta fase supuxo a incorporación de máis bicicletas eléctricas e a posta en servizo de novas bases, ata as 79 que actualmente están operativas nos barrios da cidade. Iso incentivou as altas de novas persoas usuarias e, en consecuencia, tamén tivo un impacto directo en termos de usos diarios.
Por iso, nos últimos meses, o Concello puxo en marcha unha serie de melloras no apartado técnico e persoal de BiciCoruña, co obxectivo de adaptar o servizo á súa realidade actual e á demanda existente. Entre estas melloras destaca o recente traslado do taller de mantemento a unhas novas dependencias en Agrela, traslado que se foi efectuando de forma progresiva ao longo deste primeiro semestre, mantendo as dúas instalacións operativas ao longo deste período para non obstaculizar o desenvolvemento do servizo.
A alcaldesa, Inés Rey, visitou hoxe a nova nave de traballo da EMVSA no polígono, que duplica a capacidade do anterior taller, que estaba situado na avenida do Ferrocarril. A superficie do novo taller é de 800 m2, o que permitiu reorganizar e mellorar os espazos de traballo e dispor de máis recursos técnicos e funcionais.
"Isto supuxo unha transformación integral tanto da infraestrutura operativa como dos recursos humanos que destinamos ao mantemento e xestión do sistema, co obxectivo de garantir maiores niveis de calidade, eficiencia e dispoñibilidade", explicou Rey, acompañada hoxe por Jaime Castiñeira, director da Empresa Municipal de Vivenda, Servizos e Actividades (EMVSA), que xestiona BiciCoruña como encomenda do Concello.
Neste sentido, o novo taller de BiciCoruña conta cunha área de mantemento de bicicletas máis ampla. Ademais, creouse un posto específico para a diagnose e mantemento de motores eléctricos, habilitáronse prazas con puntos de recarga para os vehículos eléctricos destinados ás tarefas de redistribución e, ademais, ampliouse a zona de vestiarios.
O Concello prevé que o cadro de persoal chegue a 20 traballadores este ano
Na visita desta mañá á nave de BiciCoruña en Agrela, Inés Rey tamén fixo balance dos datos máis destacados do servizo nos últimos meses.
Tras a fase de expansión concretada a finais do ano pasado, con máis bases e bicicletas dispoñibles, BiciCoruña está a experimentar unha nova repunta en termos de desprazamentos, visible no histórico dos últimos catro meses, cun récord de usos mensuais mes a mes entre marzo (213.000 usos), abril (228.000 usos), maio (240.000 usos) e xuño (260.000 usos).
Foi precisamente no mes anterior cando, tamén, repuntou o ránking co top-10 dos días con máis traxectos realizados na historia do servizo: nove destes días correspóndenlle ao pasado mes de xuño, e un, ao mes de maio.
Por todo isto, e ante a previsión de que o servizo rexistrase un novo aumento de persoas usuarias, no último ano tamén se veu adaptando o cadro de persoal de BiciCoruña para que medrase en número e especialización. Inés Rey informou hoxe de que a previsión do Concello é rematar o ano 2026 con case 20 traballadores -máis do dobre dos que había anteriormente-, con responsables de mantemento e loxística, mecánicos e operarios de redistribución entre os perfís existentes.
"Medidas como esta son fundamentais, porque se o habitual nun servizo como este son uns 10 usos diarios en bicicleta, na Coruña estamos en 18-19 usos, case o dobre e por riba de cidades como Madrid e Palma", indicou a rexedora, que expuxo o dobre fío destes datos. "É positivo porque amosa que a cidadanía aposta, cada vez máis, pola mobilidade sostible e de emisións cero. Neste caso, por BiciCoruña. E xa no referente ao mantemento, esta realidade tamén terá un impacto a futuro no desgaste dos vehículos, que haberá que ir renovando. De aí que sexa tan importante contar coa colaboración da cidadanía para coidar os vehículos e mantelos en boas condicións, porque estas bicicletas son patrimonio público, patrimonio de todos. Ademais, o labor de mantemento que fan os servizos de Bicicoruña é fundamental", expuxo Rey.
Cada operario do servizo repara ou fai mantemento, de media, de oito bicicletas por quenda. As principais actuacións son: cambio de aros e rodas, reposición de timbres e puños, alén de axustar o cambio e os freos a todas as bicicletas que pasan por taller. A renovación do equipamento tamén é constante. Por exemplo, os motores das bicicletas eléctricas desmóntanse e envíanse á empresa especializada cando alcanzan aproximadamente os 15.000-20.000 quilómetros, para facer un cambio de correa.
"Sen este traballo continuo non sería posible manter a calidade da rede", concluíu a alcaldesa.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible