Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

6 de marzo de 2017

O Teatro Rosalía Castro acollerá este xoves unha homenaxe a Rafael Bárez Vázquez co gallo da publicación do volume inédito 'Poemas del 10 de marzo'

O edil José Manuel Sande sinala que a velada “rende homenaxe a unha parte da historia da cidade” na véspera do Día da Clase Obreira. O acto, de entrada libre e gratuíta, contará coa participación do alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro

O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, presentou esta mañá no pazo de María Pita a velada poético-musical que terá lugar este xoves, ás 20.00 horas, no Teatro Rosalía Castro en homenaxe ao avogado laboralista e político coruñés Rafael Bárez Vázquez. O acto celébrase co gallo da publicación dun poemario inédito do autor, chamado Poemas del 10 de marzo, "en relación coa súa estadía no cárcere coruñés polas revoltas obreiras de Ferrol de marzo do ano 1972", explicou o edil, e que deron lugar á conmemoración do Día da Clase Obreira Galega.  A este respecto, Sande sinalou que o Goberno local "quere render homenaxe a unha parte da historia da cidade", ao lembrar que Bárez, ademais de exercer de avogado, foi edil de Urbanismo no Concello da Coruña no primeiro mandato do actual período democrático. 

O libro, que se editou, segundo o edil, "grazas ás achegas de máis de 400 persoas vinculadas política, cultural e socialmente ao espírito da publicación de Bárez", verá a luz no acto, de entrada libre ata completar a capacidade do Teatro, que terá lugar este xoves ás 20.00 horas.  A cita contará coa participación do alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, e o senador Vicente Álvarez Areces, compañeiro de cela no cárcere de Bárez. Durante a velada haberá actuacións musicais de Miro Casabella, Natalia Lamas e da banda Extrema Urgencia.  

Na presentación aos medios, o concelleiro de Culturas estivo acompañado por Xesús Alonso Montero, o escritor Manuel Rivas, o representante do Proxecto Cárcere José Lado e Toya Fernández, viúva do homenaxeado. O presidente da RAG, que foi profesor de literatura de Bárez no instituto, salientou "a calidade como extraordinario recitador" dun "sindicalista, experto en Urbanismo e preso franquista".

"O 10 de marzo de 1972 debería estar no corazón do pobo galego como o primeiro grande acontecemento contra o franquismo, cando miles de traballadores dos astaleiros querían firmar convenios que fosen menos gravoso que os que viña rexendo a súa actividade. Durante uns días, a clase obreira gobernou a cidade de Ferrol", explicou Alonso Montero. "Nos meses que está Bárez na prisión sáelle todo o que leva dentro: o sufrimento, a sensibilidade e a loita, a causa pola que está no cárcere. Poemas del 10 de marzo é un documento histórico que había que rescatar",  asegurou o responsable da Academia.

O representante do Proxecto Cárcere, José Lado, expuxo que o impulso para a publicación do texto veu a través do traballo que se está a realizar no blog Memoria do Cárcere, coordinado por Carmen García -Rodeja, e no que se recollen documentos e perfís de persoas que estiveron na prisión coruñesa, entre os que se atopan, entre outros, o propio Bárez, elaborado por Lado. "A raíz da creación deste texto, e na procura de documentación sobre a súa figura, Toya falounos do poemario inédito de Rafael. A partir deste primeiro paso, e través do traballo de moita xente boa e xenerosa, podemos dalo a coñecer, publicalo e que forme parte do patrimonio cultural desta cidade ", explicou polo membro da entidade.

A impulsora da publicación e compañeira de Bárez, Toya Fernández, confirmou que o descubrimento dos textos que formarán parte de Poemas del 10 de marzo, que así titulou o propio avogado, "foi unha impresión forte". "Rafael nunca falara deles, e eu non sabía que facer cos textos. Pero as cousas teñen vida e, tempo despois, nunha homenaxe a Xulio Aneiros, lin un dos poemas que el lle dedicara", explicou, "e, cando José Lado trasladou o seu interese por facer un perfil seu, pensei que podería ser interesante incluír algún destes poemas".  Os textos serán recitados este xoves, desde as 20.00 horas, no Teatro Rosalía Castro.

Manuel Rivas, membro do comité promotor da publicación de Poemas del 10 de marzo, sinalou que a homenaxe poético-musical, que se celebra o día anterior ao Día da Clase Obreira Galega "para favorecer a confluencia na véspera, ante as diversas convocatorias e marchas", pretende ser un acto "aberto" e "unha ponte" entre a xeración de homes e mulleres antifascistas que loitaron nos anos duros do franquismo e o momento actual, no que hai tantas causas polas que loitar".

"Vai ser un acto histórico porque se remite a un feito que abaneou un réxime autoritario, e reactiva así o acordo secreto entre xeracións, que é a loita pola liberdade e a xustiza", afirmou Rivas, quen se referiu á historia do propio libro. "Que renaza nestes tempos, dálle esa forza ao rescate da obra poética, como unha segunda vida de Bárez e de todas as persoas que loitaron con el, e non só pola condición de avogado no medio do furacán, senón por ser o mellor xestor de Urbanismo esta cidade tivo en tempo de democracia e que, tendo un compromiso partidario, soubo ser un representante de todo o pobo", aseverou o xornalista.  

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión