Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

31 de agosto de 2016

O viveiro municipal de empresas do Papagaio acollerá a partir do 26 de setembro os obradoiros de formación empresarial do terceiro trimestre do ano

O itinerario formativo, promovido pola Concellería de Emprego e Economía Social, está dirixido a persoas que queiran desenvolver un proxecto ou consolidar a súa entidade recentemente constituída

A Concellería de Emprego e Economía Social, dirixida por Alberto Lema, vén de abrir o prazo de inscrición para participar nos cursos de formación para empresas de nova creación do terceiro trimestre do ano. Esta convocatoria, na que se impartirán sete talleres, dá continuidade á programación formativa posta en marcha polo departamento de Promoción Económica e Comercio, e conta entre as súas particularidades cunha nova localización do espazo onde se impartirán as aulas. Así, os cursos de temática empresarial, relacionados coa xestación de entidades, a súa posta en marcha ou financiación, celebraranse no novo Centro Municipal de Empresas ACCEDE Papagaio a partir do día 26 de setembro. Será a primeira actividade que se celebre no viveiro empresarial, que xa ten aberto o prazo de presentación de solicitudes para poder optar ao uso das súas instalacións e servizos.

Os obradoiros deste itinerario formativo, dirixido a todas aquelas persoas que posúan un proxecto empresarial ou precisen dalgún tipo de apoio formativo para asegurar a consolidación da súa empresa recentemente constituída, estarán divididos en sete temáticas: Plan de empresa, no que se facilitarán as técnicas máis axeitadas para expoñer a idea en forma de proxecto empresarial empregando o modelo Canvas; Elaboración de estudo de mercado, que ofrecerá os coñecementos teóricos e prácticos necesarios para desenvolver estudos de mercado aplicados e eficaces a través de ferramentas actuais; Financiamento, no que se abordarán as fórmulas existentes no mercado para financiar os proxectos da forma máis rendible, ou Fiscalidade, que permitirán á persoa emprendedora coñecer as diversas formas de fiscalidade, así coma as súas vantaxes e inconvenientes. Tamén será posible inscribirse en obradoiros como Marketing e técnicas de venda, que aportará a información básica necesaria para sobre a mercadotecnia, comercio online e ferramentas para a venda e postvenda dos produtos; Presentación de proxectos, no que se transmitirán habilidades comunicativas básicas e de oratoria para aplicar durante a presentación dos proxectos empresariais, ou Recursos escénicos e audiovisuais para a presentación de proxectos, o cal proporcionará ás persoas participantes a práctica de recursos procedentes das artes escénicas e o sector audiovisual á fin de elaborar unha presentación creativa da súa idea ou proxecto empresarial.

A inscrición nos cursos de formación empresarial é de balde, e pode realizarse a través da páxina web municipal www.coruna.gal/emprego. Para consultar a data de celebración de cada un dos obradoiros ou obter máis información sobre os mesmos, as persoas interesadas tamén poden chamar ao teléfono 981 184 399.

Acceso ao viveiro empresarial

O viveiro municipal ACCEDE Papagaio nace como unha proposta para fomentar iniciativas empresariais locais marcadas especialmente pola innovación. As instalacións, ubicadas na rúa Hospital, ofrecen un espazo de traballo dotado dunha serie de servizos e infraestruturas comúns no centro da cidade coa finalidade de potenciar o traballo colaborativo e promover modelos avanzados de incubación e aceleración empresarial. Neste sentido, o novo Centro Municipal de Empresas poderá acoller nos seus 74 módulos tanto empresas recentemente constituídas, con menos de dous anos de existencia, como a persoas que queiran desenvolver un proxecto empresarial e poñelo en marcha nun período de 24 meses.

Para poder optar á utilización das infraestruturas e servizos que ofrece ACCEDE Papagaio, as persoas interesadas poden presentar a súa solicitude ao Concello, xa que o espazo compartido conta cun sistema de convocatoria aberta e de carácter permanente. As bases reguladoras do mesmo sinalan que un comité técnico, conformado por persoal municipal, ademais de representes da Universidade da Coruña, o IGAPE, a Cámara de Comercio e entidades do sector privado especializadas en materia de emprendemento, avaliarán os proxectos que queiran asentarse no espazo municipal.

Toda a información sobre ACCEDE Papagaio, así como as bases da convocatoria para a presentación de solicitudes e requisitos para optar ao uso das instalacións,  pode consultarse en www.coruna.gal/papagaio e na páxina de Facebook www.facebook.com/emprendementocoruna.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión