15 de xaneiro de 2019
O alcalde, Xulio Ferreiro, e a edil Silvia Cameán visitaron as instalacións, que están adaptadas ás necesidades das atencións que se dispensan e que contan tamén con espazos para a xestión e a administración
O alcalde, Xulio Ferreiro, e a concelleira de Xustiza Social e Coidados, Silvia Cameán, visitaron esta mañá as novas instalacións nas que xa traballa a Federación Galega de Enfermidades Raras e Crónicas (Fegerec) no centro cívico de San Diego, un espazo cedido e adaptado ás necesidades do servizo polo Goberno local para que as 11 entidades sociosanitarias que conforman a federación poidan atender ás súas persoas usuarias. "Estas entidades, como outras da cidade, realizan un gran labor, especializado e en torno á atención dalgúns dos colectivos máis vulnerables da nosa veciñanza. É xusto recoñecer o seu traballo e facilitalo e apoialo a través de convenios pero hoxe damos un paso máis, ao facilitar un espazo municipal, accesible, público e preparado", afirmou o rexedor. A edil avanzou que a intención da Concellería de Xustiza Social é poder dispoñer dunha sede común para todas as entidades deste ámbito na cidade que precisen dun espazo para realizar "o inxente labor de atención que efectúan e que completa en moitas das ocasións o papel das administracións".
O Concello cede a Fegerec espazos en dúas plantas do centro cívico de San Diego, que, segundo apuntou o rexedor, dan acollemento "a todos os servizos que precisan para traballar con normalidade e nas que teñen máis espazo do que contaban en Irmáns Tenreiro". Así, o Goberno local abordou as actuacións precisas para garantir a accesibilidade do centro, no que están localizados os espazos para rehabilitación, fisioterapia e terapia ocupacional no segundo andar do edificio, mentres que o terceiro acolle as áreas para a atención técnica, administrativa e terapéutica (logopedia, psicoloxía, traballo social), así como unha zona de recepción, sala de reunións e sede de entidades. Ademais, o centro tamén dispón de garaxe accesible, que contará con prazas para persoas con mobilidade reducida.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible