Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

19 de novembro de 2022

A alcaldesa, Inés Rey, presidiu a entrega dos nove galardóns concedidos este ano

Os Premios Prismas recoñecen no seu 35 aniversario a importante vertente social e inclusiva de sete proxectos científicos e divulgativos

O investigador Enrique Pérez Montero, do Instituto Astrofísico de Andalucía, recibiu o Prisma Especial do Xurado por promover unha divulgación que achega a ciencia ás persoas con discapacidade visual

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, fixo entrega hoxe  dos Premios Prismas concedidos polo Concello a través dos Museos Científicos e que este ano recoñeceron diversos traballos e investigacións que desde o ámbito da ciencia abordan temas cun imporante contido social e inclusivo.

Este ano os Premios Prismas alcanzaron a súa trixésimo quinta edición, aspecto que resaltou a alcaldesa na súa intervención á vez que subliñou que o xurado recoñeceu este ano traballos que apostaron pola innovación e pola capacidade divulgativa para achegar o público a diferentes cuestións científicas. "Ademais de ser xa unha cita habitual, este é tamén un dos actos máis simbólicos e emotivos deste Concello", dixo Inés Rey.

Desta maneira, o Prisma Especial do Xurado foi para o investigador Enrique Pérez Montero, do Instituto Astrofísico de Andalucía do Consello Superior de Investigacións Científicas (IAA-CSIC) polo seu traballo para achegar a ciencia ás persoas con discapacidade visual e facer reflexionar ao conxunto da sociedade.

O certame, convocado polo Concello da Coruña, a través dos Museos Científicos, premiou cun Prisma de Bronce os mellores traballos en sete categorías: Vídeo, Novos medios, Libro editado, Artigo xornalístico, Radio, Proxectos singulares e Prisma Especial do xurado. Ademais, todas as modalidades, excepto a de Libro editado e a de Prisma especial do xurado, recibiron un premio de 4.000 euros.

O mellor traballo en vídeo foi para 'Camino a Congreso', unha webserie do IAA-CSIC, por unha ficción audiovisual de gran calidade técnica que retrata con humor a cotidianidade dun equipo científico. O capítulo premiado relata como dous membros do equipo investigador do Instituto de Astrofísica de Andalucía embarcan nunha viaxe a Congreso, un pobo de Almería, para chegar a tempo a un obradoiro de expertos en evolución galáctica.

O mellor traballo en Novos medios recaeu en Yonki Books, de Oihan Iturbide, por achegar recursos de gran calidade, con riqueza de formatos e perspectivas, sobre as adiccións, un problema arrodeado de estigmas e prexuízos. Trátase dun sitio web que presenta recursos en diversos formatos (libros, entrevistas...) para abordar a adicción e os trastornos asociados ás substancias ou determinados comportamentos.

O mellor libro editado foi 'Acoso', de Ángela Bernardo Álvarez, en Next Door Publishers, por presentar unha investigación rigorosa sobre o acoso, un problema de gran transcendencia que afecta aos dereitos fundamentais das persoas que se dedican á ciencia. O libro desprega un traballo xornalístico sobre o acoso sexual e o acoso por razón de sexo nas universidades e nos organismos públicos de investigación.

'Historia de un secuestro génetico, así fue como una mosca robó "superpoderes" a una planta', de Jesús Méndez González, foi recoñecido como mellor artigo xornalístico. Publicado na Axencia SINC, converteu unha investigación de ciencia básica e moi pouco coñecida nunha historia fascinante de gran calidade xornalística. O artigo describe o primeiro caso de transferencia xenética que se observa entre un vexetal e un animal complexo, e que funciona.

Como mellor proxecto singular galardoouse "Dones de ciencia", promovido pola Universidad Politécnica de Valencia, por visibilizar a científicas contemporáneas nun proxecto de amplo alcance que combina arte e ciencia coa a participación da cidadanía. É un proxecto para visibilizar a científicas contemporáneas a través de murais sobre paredes de edificios, convertendo as rúas en museos ao aire libre ao dispor de toda a cidadanía.

O xurado tamén decidiu outorgar unha mención especial a "La ciencia del chup chup", de Elena Sanz, na modalidae de Libro editado, neste caso en Editorial Planeta; e unha segunda mención especial na modalidade de Proxecto singular a "Talentos inclusivos", da Universidade da Coruña e ASPACE.

Por último, decidiu declarar deserto o Prisma ao mellor texto inédito ou autoeditado de divulgación científica.

"Estes premios son unha referencia pola súa especial vinculación entre a ciencia e o social, co recoñecemento de diversos traballos e investigacións que desde ou ámbito da ciencia abordan temas cun importante contido social e inclusivo, como son o acoso sexual, a loita contra as adiccións, a visibilización das mulleres científicas ou o esforzo por achegar a ciencia ás persoas con discapacidade visual", sinalou a alcaldesa durante a súa intervención.

Os Premios Prismas á Divulgación chegan a esta trixésima quinta convocatoria cunha perspectiva renovada da divulgación científica. Se en 1987, cando comezou a andar o certame, os traballos en vídeo e os libros eran os formatos máis comúns nos que a ciencia chegaba á cidadanía, hoxe existe un amplo abano de recursos cos que comunicar e interesar o público. Neste sentido, é a modalidade de Proxectos singulares, incluída nos premios Prisma desde o ano 2019, a que recibe as presentacións máis imaxinativas.

O prestixio acadado por estes premios na súa longa traxectoria vén avalado pola calidade e trascendencia dos traballos premiados en todas as modalidades, así como pola participación no xurado de profesionais procedentes de diversos ámbitos da comunicación científica que achegan un criterio actualizado e diverso.

Presidiu o xurado Pampa García Molina, xornalista científica, coordinadora do Science Media Centre España; e integrado por María Viña Rebolledo, xefa de sección técnica do MUNCYT (Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía); Núria Jar Benabarre, xornalista científica; Isidora Fernández Bañados, especialista en compromiso científico en Science for Change; Félix Sánchez-Tembleque Díaz-Pache, técnico superior no CITEEC- Universidade da Coruña; e Iván Rodríguez Arós, artista especializado en divulgación científica en Divulgare-Universidade de Vigo; actuando como secretario Marcos Pérez Maldonado, xefe de servizo dos Museos Científicos Coruñeses.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión