Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

24 de marzo de 2018

Os servizos de seguridade municipal atenderon dende onte máis de 80 incidencias derivadas do temporal

Os desprendementos do tellado na facultade de Ciencias no Campus da Zapateira e a caída dun andamio sobre varios vehículos na rúa Ramón y Cajal foron as consecuencias máis graves que deixou a borrasca

Os corpos de seguridade municipais atenderon dende a primeira hora da tarde do venres e ata as 14.00 horas do día de hoxe máis de 80 incidencias relacionadas coa chegada da borrasca Hugo, que supuxo a declaración de alerta vermella no litoral durante a pasada noite. As praias, parques e xardíns da cidade permanecerán pechados ata o domingo debido a que se mantén a alerta laranxa toda a fin de semana.

A maioría das actuacións que levaron a cabo a Policía Local, Bombeiros e Protección Civil derivaron da forza do vento e tiveron que ver con retirada de obxectos que invadían a calzada como contedores e valados de obra, así como materiais ou infraestruturas que se desprenderon. As incidencias máis graves aconteceron na rúa Ramón y Cajal onde, de madrugada, caeu un andamio de obra enriba de varios vehículos, polo que foi preciso acordoar a zona. A facultade de Ciencias do Campus da Zapateira sufriu tamén danos durante a noite polas fortes rachas de vento, que levantou parte do tellado. Ante a imposibilidade de intervir debido as condicións climatolóxicas da pasada madrugada, procédese a acordoar a área. O vento provocou tamén a caída de uralitas do estadio municipal de Riazor.

Entre as incidencias menores, rexistráronse a caída de planchas metálicas en Zalaeta, no CHUAC, Comandante Fontanes ou a rúa Orzán, o desprazamento dun contenedor de vidrio en rúa Socorro, un semáforo solto en rúa Rexedor Somoza con Paseo Marítimo, a caída dun andamio en rúa Rey Abdullah, tubos na calzada de Salgado Torres, a caída á vía pública de elementos dun edificio nos Cantóns, un muro non asegurado na Sardiñeira, a caída dunha sombrilla con base, sobre uns vehículos, en Pocomaco, o desplome de pedazos de cornisa sobre un viandante, que non precisou asistencia médica, na rúa San Vicente ou a caída dunha sinal sobre un vehículo en Monte Alto.

O goberno local lembra á veciñanza a importancia de seguir as recomendacións dos servizos de seguridade e emerxencia municipais así como de extremar as precaucións para evitar situacións de risco innecesarias, como non achegarse a zonas próximas ao litoral ante hipotéticos golpes de mar ou asegurar os elementos das fachadas dos edificios.  

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión