19 de xuño de 2026
O edil Juan Ignacio Borrego participou no acto inaugural do evento, organizado pola asociación Zona Centro Obelisco co apoio do Concello
Unha ampla programación de eventos e actividades socioculturais, abertas á cidadanía, vertebra a XV edición da Noite Branca. A iniciativa, promovida pola asociación Zona Centro Obelisco coa colaboración do Concello terá lugar hoxe nos Xardíns de Méndez Núñez ata case a medianoite.
O concelleiro de Educación, Formación e Innovación Tecnolóxica, Juan Ignacio Borrego, participou esta mañá no acto inaugural desta xornada festiva, "que encherá de vida o corazón da Coruña". O edil, acompañado polo presidente da asociación promotora, Javier Pastoriza, puxo en valor a implicación de Zona Centro Obelisco para "dinamizar social e comercialmente un dos espazos máis emblemáticos da cidade, como son os Cantóns e a súa contorna".
Ao longo deste venres haberá actuacións musicais, espazos de xogo e tamén food trucks, ademais de actividades ideadas para apoiar o pequeno comercio da zona.
Na súa intervención, Borrego fixo fincapé no impacto positivo que pode ter a recuperación de espazos públicos sobre o tecido comercial da cidade. No caso do centro, coa remodelación dos Cantóns que se está executando entre a praza de Mina e a Mariña: "Hoxe, A Coruña é unha cidade moi diferente á de hai décadas, na que visualizamos o futuro poñendo as persoas no centro de todo. Nos Cantóns, tamén. Camiñando paseniño, imos gañando máis superficie peonil para a cidadanía, humanizando as rúas e trenzando percorridos que tamén conectan e visibilizan as tendas e negocios".
Borrego expuxo que "nunha cidade vangardista como a nosa só cabe apostar por unha modernización efectiva e cun impacto positivo e real sobre as veciñas e veciños. No Concello apostamos por iso. Apostamos por unha Coruña onde impere a accesibilidade universal, por devolverlle as rúas á xente e por unha cidade que vexa nos espazos públicos, coma os Xardíns de Méndez Núñez, núcleos vibrantes e cheos de actividade".
Neste sentido, o concelleiro puxo en valor a implicación do tecido asociativo. "Se a Noite Branca é moito máis que un evento sociocultural é precisamente polo traballo que levan a cabo entidades como Zona Comercial Obelisco", organizadora desta décimo quinta edición da Noite Branca na que se recoñece, ademais, o labor da asociación Poten100mos, tamén inmersa estes días no desenvolvemento do festival das artes inclusivas DiversidArte. A fundadora da asociación, Cristina de la Puente, representou a entidade no acto desta mañá.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible