Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

15 de xuño de 2015

57 profesionais atenderán a seguridade dos areais da cidade

Praias: salvamento e socorrismo

Desde hoxe, 15 de xuño, e ata o 16 de setembro, o servizo de Salvamento e Socorrismo estará presente nos seis areais da cidade: Riazor, Orzán, Matadero, As Lapas, San Amaro e a praia de Oza, en horario continuado, desde as 11.00 ata as 21.00 horas. Coa excepción de Oza, o resto das praias conta con bandeira azul

Un total de 57 profesionais conformarán o equipo que prestará servizo, que estará formado por 41 socorristas, 10 DUE (diplomados en enfermería), 3 médicos, 2 coordinadores e unha persoa encargada de loxística.

No ano 2014 atendéronse 1.048 incidencias nas praias, un 20,07% menos que no ano anterior, e entre as que destacan os 29 rescates (un 70,58% respecto ao ano 2013, no que se produciron 17).

Por iso, desde os servizos de Salvamento e Socorrismo chámase a seguir os consellos dos profesionais que están nas praias e a facer caso do que indican as bandeiras.

As incidencias máis significativas que foron afrontadas con éxito foron dúas paradas cardiorrespiratorias de dúas persoas de máis de 70 anos na praia de Riazor e no Matadero; un neno que quedou atrapado na area na praia de Oza; o rescate de dous nenos na punta de Santa Cristina; e o rescate de dúas persoas maiores na praia de Matadero que tiñan dificultades para saír da auga a causa das mareas vivas.

O Concello prega aos bañistas cumprir as seguintes medidas de prevención:

  1. Respectar a cor das bandeiras que ondean nas praias durante o período oficial de baño entre o 15 de xuño e o 16 de setembro: vermello (non se recomenda o baño), amarelo (bañarse con precaución) e verde (boas condicións para o baño).
  2. Respectar as indicacións e consellos do servizo de Salvamento e Socorrismo. No caso de que se vexa alguén en perigo, avisalos de inmediato ou chamar ao 112.
  3. Ler atentamente os carteis informativos que están nas entradas das praias e consultar co servizo de Salvamento e Socorrismo as zonas recomendables para o baño.
  4. Procurar non bañarse só, non afastarse demasiado da beira, nadar en paralelo á liña da praia, non bañarse nunca pola noite e saír da auga se sente frío ou síntomas de cansazo.
  5. Non tomar comidas abundantes antes de bañarse e mollar as articulacións antes de entrar na auga, evitando sempre os cambios bruscos de temperatura.
  6. Non consumir alcol antes de bañarse, xa que diminúe a capacidade de reacción e propicia condutas de risco.
  7. Non tomar o sol durante moito tempo e evitar as franxas horarias de maior irradiación. Estender periodicamente crema solar de alta protección sobre a pel para previr queimaduras e hidratarse a miúdo, sobre todo se vai moita calor.
  8. Vixiar permanentemente aos nenos e nenas, en especial na auga, e evitar que menores e adultos utilicen elementos de flotación como barcas inchables, polo risco de que os leve a corrente.
  9. Non mergullarse de cabeza, sobre todo en zonas con rochas, para previr lesións medulares.
  10. Non utilizar na praia envases de cristal ou vidro, non enterrar cabichas na area e depositar o lixo nos colectores ou papeleiras. Deixe a praia mellor do que a atopou.

 

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión