13 de abril de 2020
No plan de limpeza das rúas, o persoal ten en conta as actuacións que este colectivo realiza en infraestruturas dependentes doutras administracións, como residencias de maiores, para completalas na súa parte exterior A concellería prepara unha campaña para que o cambio de hábitos da veciñanza sexa para sempre e que esta contribúa a ter unha cidade salubre
Un total de 14 equipos da Concellería de Medio Ambiente desinfectan a diario as rúas e as instalacións municipais en coordinación con Protección Civil da provincia da Coruña, de xeito que, se desde este colectivo traballan na limpeza de infraestruturas dependentes doutras administracións, como residencias de maiores, as/os profesionais locais completan a actuación na súa parte exterior.
Este cadro de persoal realiza labores as 24 horas, en quendas de día (das 7.00 ás 00.00 horas) e nocturnas (de 22.00 a 6.00 horas), co fin de garantir a seguridade e hixiene das e dos veciños canto ás vías da cidade, distribuído en nove zonas. Os equipos percórrenas todas e visitan diariamente instalacións en que se lles está a dar servizo a distintos colectivos neste confinamento, como o Pavillón dos Deportes de Riazor, a Cociña Económica ou as entidades sociais Padre Rubinos e Cáritas Interparroquial, así como os mercados municipais.
Ademais, outras infraestruturas que se atopan pechadas neste período, como os pavillóns deportivos ou os colexios, están sendo desinfectadas e clausuradas para asegurar que están en perfecto estado de uso cando finalice o estado de alarma. Por outra parte, catro equipos máis dedícanse en exclusiva a desinfectar os colectores do lixo, unha tarefa que reforzan desde Cespa con vadeadores e alxibes. Segundo a concelleira de Medio Ambiente, Esther Fontán, o plan de limpeza execútase tamén tendo en conta en todo o momento os puntos en que traballan a Xunta e mais a UME para coordinárense e seren máis eficientes entre todas/os.
Da mesma maneira, preparan os equipamentos públicos de cara ao futuro e, nese aspecto, están elaborando unha campaña de concienciación que lanzarán cando as saídas da cidadanía aumenten: "Temos que conseguir que o noso compromiso sexa para sempre e implementar hábitos que contribúan a ter unha mellor salubridade". Non se trata, aclara a edila, dunha cuestión de estética e imaxe da cidade, senón de que as e os coruñeses se decaten que, se deixan de tirar envoltorios, gomas de mascar, cabichas ou calquera outro residuo, contribuirán a evitar infeccións.
A concellería aproveitará a instalación dos novos colectores e a posta en marcha de novos servizos por parte da empresa de recollida de lixo para incidir no papel que ten a veciñanza para conseguir que A Coruña sexa segura.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible