10 de xullo de 2016
A edil Silvia Cameán saúda a alta demanda de actividades nos primeiros días de setembro, “que apoia a aposta do Goberno local por ampliar a cobertura temporal da programación infantil estival”
Esta mañá deu comezo a primeira quenda dos campamentos municipais infantís de verán organizados pola Concellería de Xustiza Social e Coidados, que inclúen os campamentos urbanos, os campamentos de día e os campamentos tradicionais, e que se celebrarán entre hoxe, 10 de xullo, e o 4 de setembro. En total, 1956 nenas e nenos poderán gozar dunha programación na que se ofreceron 2750 prazas, das que o 20% están reservadas para menores beneficiarias ou beneficiarios dos servizos sociais, e 70 para menores con necesidades especiais. A concelleira Silvia Cameán saudou a "amplia aceptación" desta programación, na que "o Concello cubriu a demanda das actividades infantis", e salientou que a quenda máis solicitada foi a que inclúe os primeiros días de setembro, "apoiando así a tese de ampliar a cobertura temporal da programación estival, pola que este Goberno sempre apostou". A responsable municipal lembrou que a oferta de actividades infantís de verán da súa área foi ampliada froito "dun proceso de reorganización e optimización dos recursos e programas existentes", e deu lugar a unha creación "dun maior numero de prazas, tamén para menores con necesidades educativas especiais". Aos campamentos que se inician hoxe sumouse o programa de obradoiros Embárriate, para nenas e nenos de entre 4 e 12 anos, que tivo lugar desde o 27 de xuño ata o 8 de xullo en 18 centros cívicos municipais e que ofertou 427 prazas, 7 delas para menores con necesidades educativas especiais.
O primeiro campamento que iniciou a súa actividade é o da modalidade tradicional, que se celebra desde hoxe no Albergue Ponte Mourelle de Lugo e centra a súa programación nos Xogos Olímpicos, así como os conceptos e valores da cultura do deporte. Os campamentos, que recibiron 205 solicitudes, 1 con necesidades educativas especiais, terán lugar a través de catro quendas, nas que as e os rapaces estarán divididos segundo as súas idades. Deste xeito, as nenas e nenos de entre 8 e 11 anos participarán na primeira -entre o 10 e o 16 de xullo- e na terceira -do 31 de xullo ao 6 de agosto-, mentres que a segunda quenda -do 17 ao 23 de xullo- e a cuarta -do 7 ao 13 de agosto- estará dirixida a menores de entre 12 e 14 anos.
Por outra banda, mañá comezarán os campamentos urbanos nos centros cívicos, nos que participarán 1414 menores de entre 4 e 12 anos, das e dos que 32 teñen necesidades educativas especiais. Esta modalidade de campamento realizarase a través de catro quendas, nas que a Concellería reforzou os números dos grupos na primeira e na última para dar cobertura a toda a demanda. Os espazos de Artesanos, Mesoiro, Castrillón, Monelos, Cidade Vella, Monte Alto, Eirís, Novaboandanza, Elviña, Palavea, Labañou, San Diego, Os Mallos e Os Rosales ofrecerán as catro quendas, mentres que os centros cívicos de A Silva, Pescadores, Santa Lucía, Sagrada Familia, Santa Margarita e San Pedro de Visma desenvolverán a primeira e segunda quendas, unicamente. A primeira quenda, que será entre o 11 e o 24 de xullo, xirará arredor das artes plásticas; a segunda, do 26 de xullo ao 7 de agosto, versará sobre teatro e actividades escénicas; a terceira, do 8 ao 21 de agosto, terá que ver coa música, o baile e a expresión corporal, e, por último, a cuarta quenda, entre o 22 de agosto e o 4 de setembro, abordará os xogos e xoguetes tradicionais. Os campamentos nos centros cívicos celebraranse de luns a venres, en horario de 10.00 a 14.00 horas, e contarán coa posibilidade dun horario ampliado nalgún dos centros para facilitar a conciliación familiar, entre as 09.00 e as 14.30 horas.
Finalmente, os campamentos de día, tamén dirixidos a nenas e nenos entre 4 e 12 anos, iniciarán mañá a súa actividade. Nesta modalidade, que se celebrará en catro quendas de luns a venres de 10.00 a 18.15 horas no Colexio Andaina e contará cunha hora ao día dedicada á práctica da lingua inglesa, participarán 337 menores, das e dos que 2 teñen necesidades educativas especiais. A primeira quenda, Xogando a ser detectives, desenvolverase entre o 11 e o 24 de xullo; a segunda será entre o 26 de xullo e o 7 de agosto, unha Aula de Natureza que se centrará en despertar o interese das nenas e dos nenos pola natureza e o seu coidado; a terceira quenda será unha Escola de circo, na que as e os participantes desenvolverán, entre o 8 e o 21 de agosto, as súas facultades artísticas; e, finalmente, a cuarta quenda terá lugar do 22 de agosto ao 4 de setembro e xirará arredor dos Xogos Olímpicos. Os campamentos urbanos de día contarán cun servizo de transporte, que terá a súa primeira parada a partir das 09.00 hora e, de volta, chegará á última parada ás 19.15 horas.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible