27 de setembro de 2026
A proba consistiu nun percorrido de 6,3 quilómetros polas rúas da cidade, nunha xornada marcada polo deporte, a igualdade e o compromiso social
Case 7.000 mulleres participaron este domingo nunha nova edición da Carreira da Muller, que volveu tinguir de rosa as rúas da Coruña nunha das citas deportivas e sociais máis multitudinarias do calendario da cidade.
A alcaldesa, Inés Rey, foi a encargada de dar a saída á proba, acompañada polo concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez. A concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade, Nereida Canosa, participou tamén na entrega de premios. A carreira arrancou ás 10.00 horas desde a avenida de Bos Aires, nas inmediacións do Complexo Deportivo de Riazor. Andrea Díaz Iglesias foi a primeira en completar o percorrido cun tempo de 25:05, seguida por Noa Mirantes e Nerea Sánchez en segunda e terceira posición, respectivamente.
As participantes completaron un percorrido de 6,3 quilómetros polas rúas da cidade, arroupadas polo público ao longo do trazado e nun ambiente festivo que volveu deixar unha das imaxes máis características desta cita: miles de mulleres avanzando xuntas nunha gran Marea Rosa.
"A Coruña volveu demostrar hoxe o seu compromiso coa igualdade cunha imaxe, a de miles de mulleres de diferentes xeracións compartindo as nosas rúas, que representa tamén a vontade dunha cidade que avanza coas súas mulleres", sinalou Rey.
A alcaldesa puxo tamén en valor a consolidación da Carreira da Muller como unha cita que transcende o ámbito estritamente deportivo e que "representa deporte e hábitos de vida saudables, pero tamén visibilidade, reivindicación e solidariedade para seguir avanzando cara a unha igualdade plena e efectiva".
Deporte, igualdade e compromiso social
A edición deste ano volveu combinar a práctica deportiva coa sensibilización arredor de diferentes realidades que afectan ás mulleres. A proba mantivo o seu compromiso coa loita contra a violencia machista, coa presenza do 016 nos dorsais, así como coa prevención, sensibilización e investigación arredor do cancro de mama e coa visibilización do cancro de mama metastásico.
A dimensión social e solidaria tamén tivo un papel destacado, coa implicación de entidades e iniciativas como ACNUR, ACADAR, Semilla para el Cambio, Auga Dragon Boat e Bolboretas Coruña.
Nesta edición, a organización destina integramente a ACADAR a recadación obtida a través dos dorsais solidarios e realiza tamén unha achega de 1.200 euros a Semilla para el Cambio para apoiar os seus programas de empregabilidade e autonomía económica de mulleres en situación de vulnerabilidade.
Homenaxe a Adiaratou Iglesias
Un dos momentos destacados da xornada foi a homenaxe á atleta paralímpica galega e colaboradora de ACNUR Adiaratou Iglesias, que tivo lugar na saída da proba.
Campioa paralímpica dos 100 metros e medalla de prata nos 400 metros nos Xogos de Toquio 2020, Iglesias foi unha das protagonistas desta edición, na que tamén se deu visibilidade ao documental Adi, filla da luz, impulsado por ACNUR e centrado na súa historia.
Rey destacou o valor de contar con referentes femininos no deporte, especialmente para as xeracións máis novas, e puxo a Adiaratou como exemplo "para que as nenas medren sabendo que non hai espazos que non sexan para elas e que poden chegar tan lonxe como se propoñan".
A chegada das participantes a meta puxo o peche a unha mañá na que deporte, igualdade e solidariedade volveron ir da man e na que miles de mulleres fixeron das rúas da Coruña unha gran Marea Rosa.

26 de setembro de 2026

25 de setembro de 2026

24 de setembro de 2026
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible