18 de decembro de 2020
O Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Coruña organizou unha programación infantil para o Nadal 2020 adaptada ao formato virtual.
Unha morea de actividades para xuntármonos arredor da lingua, a música e a cultura que nos axudan nestes días incertos e monótonos. Unha programación de Nadal divertida, didáctica e, sobre todo, segura.
Xuntamos as bandas, músicas/os, actrices e actores, contacontos, inventoras, técnicas/os de son, escritoras/es para poder gravar concertos, obradoiros, contacontos e actuacións dos vosos artistas favoritos para que poidades desfrutalas na casa, con toda a seguridade e comodidade, nestes vindeiros días de vacacións.
Desde mañá, en que subiremos a este espazo a primeira delas, iremos publicando as actuacións de, entre outros, Xoán Curiel e a Banda do Verán, Mamá Cabra, Chuches Amil, Lydia Botana, Cris de Caldas, A Xanela do Maxín ou Pablo Díaz.
Teredes todo o Nadal para ver estas actuacións gravadas unha e outra vez mentres se volve á normalidade.
Seguídenos tamén nas nosas redes sociais, Facebook e Instagram, onde continuaremos compartindo contidos, axenda, recomendacións de libros, curiosidades.
Desexamos que teñades unhas boas festas, con moito sentidiño e un cambio a un ano novo venturoso e cheo de saúde e proxectos.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible