Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

24 de abril de 2024

Publicadas as listaxes provisionais de solicitudes seleccionadas, en listaxe de agarda e excluídas no programa Idiomas do mundo

Ábrese un prazo de dez días hábiles para posibles reclamacións ou alegacións do 24 de abril ao 8 de maio, ambos os días incluídos

Publícase a relación provisional de solicitudes seleccionadas, en listaxe de agarda e excluídas que optan a participar no programa Idiomas do Mundo 2024. Ábrese un prazo de dez días hábiles para posibles reclamacións ou alegacións, que comeza a contar a partir da publicación na web educativa do Concello e do taboleiro de edictos municipal, de tal maneira que este prazo será do 24 de abril ao 8 de maio, ambos os días incluídos. Unha vez finalizado este prazo e tras o estudo das posibles reclamacións, procederase á publicación das listaxes definitivas.

Como se indica na base 11.4 do programa, as alegacións poderán facer referencia á existencia de erros na puntuación obtida, a proposta de denegación da praza ou outras circunstancias sen que poida realizarse nesta fase do procedemento a emenda de documentación requirida anteriormente se non se atendeu ao requirimento, nin achegar en fase de alegacións nova documentación que non obrase xa no expediente e dea lugar a un cambio na puntuación inicial.

En todo caso, a concesión das bolsas queda condicionada á adxudicación e formalización do contrato de xestión do programa cunha empresa especializada. Así mesmo, as persoas adxudicatarias non deben estar incursas nas prohibicións recollidas na Lei 9/2007, de 13 de xuño, de subvencións de Galicia, que inclúe non ter débedas co Concello, coa Axencia Tributaria e a Seguridade Social. Ademais, en caso de non ter aprobadas en xuño todas as materias ao finalizar o curso de 1º de Bacharelato perderán o seu dereito para gozar da bolsa aínda que fosen seleccionadas.

O programa Idiomas do Mundo oferta 30 prazas para estadías dun mes en Irlanda durante os meses de xullo ou agosto destinadas a estudantes que cursen 1º de Bacharelato durante o presente curso escolar. Entre os requisitos esixidos para poder participar figura o de estar matriculado e cursar 1º de Bacharelato nun centro escolar da cidade da Coruña no curso 2023-2024, contar no curso de 4º da ESO cunha cualificación media de 7 ou máis e non ter ningunha materia suspensa, e contar en curso de 4º da ESO con cualificación de 7 ou máis na materia de inglés.

O programa Idiomas do Mundo está integramente financiado polo Concello da Coruña, que asume entre a totalidade e o 70 por cento do custo das prazas, en función dos ingresos das familias, que en todo caso teñen que achegar como máximo o 30 por cento deste custo. O programa ofrece a oportunidade de perfeccionar o dominio do idioma inglés e profundar no coñecemento real doutra cultura, obtendo ademais un certificado oficial do nivel alcanzado segundo o Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas (MCERL). Para iso, promove que o alumnado participe nunha acción intercultural aumentando a conciencia e comprensión doutras culturas e países e a educación das persoas participantes respecto da diversidade e á igualdade, ao mesmo tempo que lles permita avanzar no seu desenvolvemento persoal.

Documentos relacionados

  • IDM 2024: Listas provisionais (300 KB)

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión