Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

5 de febreiro de 2023

Rematan os traballos de mellora e reurbanización no parque de bombeiros de Agrela, onde se reforzou a estrutura da cuberta no edificio principal

O Concello da Coruña levou a cabo un investimento de 220.000 euros para, entre diversas medidas, acondicionar os almacéns da instalación, renovar o pavimento no exterior e mellorar os accesos peonís e para vehículos

O Concello da Coruña, coa promoción da Concellaría de Seguridade Cidadá a través do servizo municipal de Edificación, rematou os traballos de reurbanización postos en marcha no parque de bombeiros de Agrela e a súa contorna hai aproximadamente cinco meses.

A intervención, que contou cun orzamento de 220.537 euros, centrouse en catro áreas diferenciadas tanto nos recintos interiores como no exterior do parque, e onde se acometeron diversas melloras orientadas ao reforzo da seguridade dos traballadores e traballadoras, así como de accesibilidade, tanto para os peóns como para o acceso dos vehículos.

Substituíronse as placas metálicas nas vertentes da cuberta do edificio principal, un inmoble que data do ano 1983 e no que se renovaron as claraboias e se solventaron as deficiencias existentes, mediante tarefas de mantemento e conservación orientadas a evitar o deterioro da cuberta.

Ademais, na planta baixa do edificio, o espazo destinado aos almacéns someteuse a un acondicionamento dos acabados e da instalación eléctrica. En paralelo, dotouse ao recinto de novo mobiliario, acorde á altura da estancia e co obxectivo de gañar unha maior capacidade de almacenaxe.

Por outra banda, e xa no referente aos espazos exteriores, o servizo municipal de Edificación relocalizou as prazas de estacionamento situadas entre o edificio de entrada ao parque e o principal, coa idea de facilitar o tránsito e a maniobrabilidade aos camións que acceden e saen do garaxe no segundo destes edificios. As prazas de aparcadoiro en cuestión, que abranguen dúas para persoas minusválidas, están situadas, desde agora, no sector oeste da parcela, desde a entrada ao parque e ata chegar ao acceso inferior.

Tamén no sector oeste do parque, e no contexto destes traballos, executouse unha renovación do firme co estendido dunha nova capa de mestura bituminosa, medida que se sumou ao reacondicionamiento da zona lindeira ao edificio, para mellorar os accesos peonís e facilitar a saída de vehículos.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión