Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

27 de febreiro de 2020

Rey: “A Cidade das TIC aspira a converterse nun referente nacional tecnolóxico”

A alcaldesa destaca que o concello realizará un importante esforzo co fin de dotar a zona de instalacións deportivas para uso e desfrute da veciñanza e dos preto de 2.500 traballadoras e traballadores deste novo proxecto que comezará a funcionar nun prazo de dous anos

A alcaldesa, Inés Rey, presentou esta mañá o proxecto da Cidade das TIC xunto ao reitor da Universidade, Julio Abalde, nas instalacións da antiga Fábrica de Armas, onde terá acubillo. A rexedora destacou que A Coruña volverá ser un polo de atracción industrial e que a fábrica das TIC "aspira a converterse nun referente nacional tecnolóxico", da man da universidade e co apoio absoluto do concello, posto que o crecemento tecnolóxico e económico é sinónimo de benestar. Explicou que, nun prazo de dous anos, este novo xeito de xerar economía baseándose en sinerxías empezará a funcionar con espazos destinados á investigación e con todo tipo de servizos, co fin de lles facilitar a vida ás preto de 2.500 persoas que traballarán nas TIC. Neste aspecto, Rey recordou o compromiso do Goberno local por contribuír con terreos municipais ao desfrute da veciñanza e do conxunto de traballadoras e traballadores coa creación de instalacións deportivas.

Segundo a alcaldesa, a fábrica dará resultados en horizontal, froito da diferenza que marquen as firmas aquí presentes con respecto ás outras da súa natureza, e en vertical, para o que tocarán os distintos paus da cadea produtiva. Ao teren todo concentrado -centros docentes, empresas e Administración- o conxunto gañará a forza suficiente como para producir máis beneficios e isto atraerá máis compañías: "A Cidade das TIC desatascará A Coruña, unha iniciativa de desenvolvemento que liga coa economía azul e con outras fórmulas de éxito, en que o contacto entre investigadores, empresas e persoas usuarias deu e dá lugar á multiplicación do coñecemento, á mellora exponencial da forma e do tempo en que se desenvolven solucións tecnolóxicas de primeiro nivel".

Pola súa parte, o reitor definiu a Cidade das TIC como un proxecto inmerso nun marco estratéxico deseñado en paralelo ao plan innovador dixital da Xunta, do Estado e de Europa, pensado para 2021-2030, en que se tratará de impulsar a tecnoloxía en todos os sectores produtivos e de crear nodos en distintas áreas: "Aspiramos a ser unha pata dese plan galego". O representante da universidade lembrou que o sector das TIC xa ten relevancia no PIB galego grazas ao incremento nun 17% do volume de empresas que pertencen a el e ao aumento nun 26% dos empregos especializados e de calidade: "Temos que ser capaces de atraer e reter talento e de formar as e os traballadores en cuestións como a aprendizaxe automática, o procesamento da linguaxe natural, sistema e recuperación de información, visión artificial ou en sistemas intelixentes".

Cun bloque administrativo e dedicado a espazos comúns como vertebrador do conxunto, a fábrica acollerá o sector empresarial en seis naves, que contarán cun Centro de Formación Avanzada e un Centro de Demostración 4.0, dotados estes dous bloques cos recursos necesarios para que as firmas poidan realizar probas. Ademais, haberá inmobles destinados a coworking, viveiro e aceleradora empresarial, así como para a formación especializada. O resto das instalacións será para servizos como comedor, cafetería, área social, deportiva e de expansión, ximnasio, escola infantil, zona verde e aparcadoiro. Estase elaborando un plan director de reforma do complexo, en que se recolle que en 2021 estea operativo o Centro de Formación Avanzada e que o parque empresarial bote a andar en 2022. Non serán fases secuenciais, senón que poderán funcionar en paralelo para que "A Coruña sexa un referente nacional e internacional", afirmou Abalde.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión