3 de outubro de 2019
A alcaldesa acudiu á inauguración dunha cita que se completará con talleres, exhibicións e música en directo na Mariña e no Parrote
A alcaldesa Inés Rey acudiu esta tarde á inauguración dos Street Games Coruña, que tomarán esta fin de semana o paseo da Mariña-Parrote para achegarlles ás e aos coruñeses ata seis disciplinas de deporte urbano como son o Psicoblock, Skate, Parkour, Highline, Boulder e o Slackline. A rexedora sinalou que a cita permitirá a práctica de especialidades pouco accesibles para que os e as expertas contaxien e fomenten o interese no público alleo a elas. É unha forma de incentivar as e os espectadores que se senten atraídos polas características de deportes que nacen no asfalto e que cada vez teñen máis adeptas e adeptos. As administracións locais, engadiu, deben estar ao corrente destas novas fórmulas que, igual que outras xa coñecidas, son beneficiosas para as persoas e potencian facultades como a flexibilidade ou a psicomotricidade. A explanada contará cun módulo estrela, un muro vertical de 15 metros e sen corda, que dará cabida ao Psicoblock Master Series by Cabreiroá, no que se dará cita a elite internacional da escalada en bloque coas augas do porto deportivo coruñés como "rede" en caso de caída. Os exercicios acompañaranse de luces, sons e cores con dúas rutas que permitirán que as suban dous competidores á vez. O programa inclúe tres días de música en directo, talleres para que todos os públicos poidan iniciarse nas distintas variantes, exhibicións de profesionais e competicións ao máis alto nivel.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible