Uso de cookies nas páxinas web do Concello da Coruña

Nas páxinas web municipais utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos mediante a análise dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información, ou coñecer como cambiar a configuración, na nosa páxina de "Normas de uso".

Concello da Coruña

Cando:

22 de febreiro de 2021

Rey presenta o centenario de Pardo Bazán como o acontecemento cultural máis importante do ano

A alcaldesa anunciou unha programación con máis de 40 eventos que comezarán o 8 de marzo, coincidindo co Día da Muller, co concurso xuvenil de creación artística “A Mirada violeta de Dona Emilia”

A alcaldesa, Inés Rey, presentou a programación polo centenario do pasamento de Emilia Pardo Bazán, "tal vez o acontecemento cultural máis importante do ano" ao se tratar dunha figura relevante, "unha desas mulleres que converteron A Coruña na cidade ilustrada e aberta que é". A rexedora sinalou que a súa obra e recordo se sentirán máis se cabe en 2021 a través dunha programación municipal ambiciosa e plural con máis de 40 eventos. Conformaranse todos baixo a silueta inconfundible de Pardo Bazán nun deseño actual, co se quere poñer en valor o seu legado tinguido de modernidade.

Os actos agruparanse en base a tres referencias: a literaria, "xa que estamos a falar dunha escritora adiantada ao seu tempo, cunha obra de altísimo nivel e ampla temática"; o feminismo, en que foi pioneira e por ser esta unha das cuestións prioritarias deste goberno, e, por último, a importancia que ten na súa obra Galicia e moi especialmente A Coruña, á que ela chamou Marineda e da que creou toda unha cosmogonía ao seu arredor: "Pardo Bazán relatou esta cidade como ninguén, dándolle toda a visibilidade ás súas clases populares, co grande exemplo das cigarreiras da Fábrica de Tabacos. A imaxe que as e os coruñeses temos de nós mesmas/os procede en boa medida dese universo, nas que as traballadoras urbanas eran protagonistas, non unha postal".

Maio e setembro acapararán unha gran cantidade de citas por ser o primeiro o mes en que faleceu e setembro, a data en que naceu e na que cumpriría 170 anos. Baixo a coordinación de Cultura e coa participación tamén de Igualdade, Turismo ou Educación pecharase unha axenda municipal en colaboración con outras institucións como a Biblioteca Nacional, a Acción Cultural Española, a Xunta de Galicia, a Real Academia Galega ou a Universidade da Coruña, que comezará o 8 de marzo co concurso xuvenil de creación artística "A mirada violeta de Dona Emilia".

A convocatoria completarase co inicio do ciclo 'Conversas na Casa-Museo Pardo Bazán', que terá lugar até decembro na rúa Tabernas e onde unha vez ao mes, referentes en distintos ámbitos falarán sobre a homenaxeada e a realidade actual das mulleres. A propia rexedora será unha delas xunto a Marilar Aleixandre (RAG), Susana Seivane (música), María Xosé Porteiro (escritora e vicevaledora do Pobo), Imelda Capote (delegada de Facenda), Rosa Martínez (ex-directora da Radio Galega), María de la Cámara (xefa das Urxencias do CHUAC) ou a artista Soledad Penalta. En abril convocarase un concurso con mirada inclusiva a cargo da Sociedade Filatélica e a Fundación Emalcsa, e o Teatro Colón acollerá a proxección dun documental e unha obra de danza sobre a figura de Amparo, a cigarreira que protagoniza a súa obra máis coruñesa "La Tribuna". As bibliotecas serán protagonistas en maio, onde tamén se organizarán paseos literarios e unhas xornadas gastronómicas en colaboración con Turismo.

Xa no verán, o Concello ofrecerá rutas pensadas para a mocidade e para o público xeral, que contarán con interesantes novidades tecnolóxicas, ademais da Feira do Libro e unha homenaxe ás cigarreiras. En setembro, terán lugar dous Congresos literarios sobre a súa figura -organizados pola RAG e a UDC-, inauguraranse dúas exposicións no Kiosko Alfonso e no Pazo de María Pita, que incluirán visitas escolares, e representaranse 'Los Pazos de Ulloa' e 'A Tribuna', no Teatro Rosalía Castro. Tras o período estival, o Teatro Colón será escenario dunhas xornadas audiovisuais e mais da posta en escena da obra 'Mi Miquiño del Alma'.

Rey asegurou que esta programación confirma que "a cultura na Coruña segue e imos seguir dándolle todo o noso apoio xa que precisamos dela como precisamos de figuras como a de Pardo Bazán".

Documentos:

Avance programación #EPB100 (181 KB)

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión