22 de febreiro de 2016
A concelleira de Igualdade fai un chamamento a acabar coas diferencias nos soldos que perciben os e as traballadoras no Día Europeo pola Igualdade Salarial
A concelleira de Igualade e Diversidade, Rocío Fraga, alertou este luns sobre a “violencia económica” que representa para as mulleres, o feito de que “as condicións do seu emprego supoñan para un gran número de empresas 50 días de balde a costa delas”. “Este cálculo deriva da diferencia do salario hora que perciben as mulleres con respecto aos homes por traballos de igual valor, que é do 13,71% en Galicia”, indicou a representante municipal. No caso da Coruña, a media dos emolumentos por hora que reciben as mulleres empregadas é de oito euros, aínda que o 50% perciben só 6,3 euros á hora. A titular do departamento de Igualdade fixo estas declaracións coincidindo co Día Europeo pola Igualdade Salarial.
Fraga destacou que a fenda salarial é aínda maior cando se mide a ganancia anual (con diferenzas dun 24% no Estado e dun 23,3% en Galicia), como efecto de incluir no reconto o traballo a tempo parcial, que está altamente feminizado. “É importante facer fincapé en que as mulleres reciben como salario bruto o 76% do que perciben os traballadores masculinos no conxunto do Estado (76,7% en Galicia)”, salientou.
“Os datos da fenda salarial por cuestión de xénero reflicten a maior vulnerabilidade económica das condicións de vida das mulleres”, resumiu Fraga, quen destacou que sobre este colectivo inciden fundamentalmente “os chamados traballos de baixo valor ou low cost salarial”. “O 67% do cadro de persoal destes empregos son mulleres que perciben rendas de 645 euros mensuais como máximo”.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible