22 de decembro de 2025
O artista asturiano presentará a súa nova proposta escénica ‘La Belleza’, o 30 de abril
O Coliseum da Coruña acollerá a única actuación en directo en Galicia de Rodrigo Cuevas no ano 2026. Será o 30 de abril e servirá para presentar a súa nova proposta escénica, baixo o nome de 'La Belleza', título tamén do seu próximo traballo. "A Coruña é hoxe a cidade que máis concertos exclusivos de gran formato acolle en Galicia grazas ás políticas culturais que levamos a cabo desde o Goberno de Inés Rey, buscando atraer espectáculos musicais de todos os xéneros e grazas a recintos municipais á vangarda do país", indicou Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo.
A venda de entradas comezará este martes, 23 de decembro, ás 11.00 horas, a través do despacho de billetes da praza de Ourense, Ataquilla e rodrigocuevas.sexy. 'La Belleza' é a nova proposta escénica de Rodrigo Cuevas, galardoado en 2024 co Premio Nacional das Músicas Actuais. O asturiano visitou a cidade coa súa anterior xira, 'Romería', enchendo o auditorio de Santa Margarida durante a celebración da Romaría de Santa Margarida 2024. Desta volta, Cuevas apunta que esta nova xira estará chea de "fantasía escénica e argumental" e porá o foco "no lugar onde os soños e o fermoso se funden co terreal".
Deste xeito, o concerto de Rodrigo Cuevas súmase á programación musical do Coliseum para o vindeiro 2026, sendo a decimo oitava formación confirmada. O resto das citas programadas son: Eladio Carrión (29 de xaneiro), Amaia (31 de xaneiro), Mikel Izal (7 de febreiro), Amaral (21 de febreiro), Celtas Cortos (11 de abril), Hijos de la Ruina (17 de abril), OT (19 de abril), Viva Suecia (18 de abril), Dani Fernández (2 de maio), Iván Ferreiro (9 de maio), Dani Martín (15 e 16 de maio), Bad Gyal (23 de maio), Pablo Alborán (4 de xullo), Aitana (22 de xullo), La Oreja de Van Gogh (11 e 12 de setembro), Melendi (14 de novembro) e Raphael (21 de novembro).

17 de decembro de 2025

16 de decembro de 2025

15 de decembro de 2025
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible