Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

22 de marzo de 2016

Silvia Cameán presenta a nova convocatoria de bolsas comedor, que mellorará a situación do 87% dos e das demandantes actuais

A concelleira de Xustiza Social indica que o novo programa incrementa en 50.000 euros o presuposto do pasado curso, e “garantirá a gratuidade total do servizo de comedor para os e as solicitantes de centros públicos que cumpran cos requisitos esixidos”

A concelleira de Xustiza Social e Coidados, Silvia Cameán, presentou as bases da nova convocatoria do programa de bolsas comedor para a tempada 2016-2017, que será levado a Xunta de Goberno local mañá para a súa aprobación. Estas becas están especialmente dirixidas “a aquelas familias en situación de desvantaxe social e con menor poder adquisitivo”. Así, a responsable municipal salientou o esforzo realizado polo Goberno local para incrementar a contía total deste programa en máis de 50.000 euros con respecto ao ano pasado, quedando establecido nun montante total de 772.000 euros, “que poderá ser incrementado, se fose preciso, coa finalidade de que ningunha nena ou neno quede sen cobertura neste servizo”. As novas condicións das bolsas comedor beneficiarán ao 87% dos e das menores que actualmente a perciben (case 1.000 estudantes na cidade entre centros públicos e concertados).

Cameán destacou que unha das principais novidades nesta nova convocatoria de bolsas comedor é que, ao contrario do que sucedía até o de agora, os e as menores beneficiarias de bolsas comedor escolarizadas en centros públicos de Infantil e Primaria, Educación Secundaria, e Centros de Educación Especial sostidos con fondos públicos “poderán beneficiarse da gratuidade total deste servizo”. “Neste caso, as familias que resulten adxudicatarias das becas comedor non terán que abonar nada”, explicou a concelleira.

No caso de estar matriculado nun centro sostido parcialmente con fondos públicos, como é o caso dos colexios concertados, a contía da bolsa comedor será de 80 euros ao mes como máximo, incrementándose en cinco euros a aportación do Concello nestes casos. As familias beneficiarias terán que facer fronte á diferenza que exista entre a bolsa concedida e o prezo do servizo. Non obstante, a edil destacou que “con carácter excepcional, a través dun informe técnico que o xustifique, as bolsas comedor concedidas para centros sostidos parcialmente con fondos públicos poderá chegar aos 98 euros/mes”.

“Con todas estas medidas, o que pretendemos é dar cobertura ás familias en situación de vulnerabilidade social independentemente do centro onde cursen os seus estudos”, destacou a responsable de Xustiza Social.

Requisitos

Os requisitos para poder acceder ao novo programa de bolsas comedor, no momento en que se realice a súa convocatoria, pasan porque o ou a demandante estea empadroada no Concello da Coruña, estar matriculada en centros públicos ou concertados con servizo de comedor, non ter cumpridos os 18 anos de idade, e non superar unha renda per capita de 4.200 euros anuais, así como acadar un mínimo de 12 puntos no baremo establecido.

O prazo de presentación de solicitudes será de 15 días hábiles a partir do seguinte dende a súa publicación no Boletín Oficial da Provincia (BOP). As solicitudes deberán presentarse co modelo oficial de demanda que será facilitado nos rexistros municipais. As persoas que o desexen poderán optar a máis información tanto nos centos cívicos como no teléfono de atención á cidadanía 010.

O Concello contempla a posibilidade de que existan as denominadas “bolsas sobrevidas”. “Estas bolsas resérvanse ante a necesidade de cubrir solicitudes fóra de prazo pero na que concorran circunstancias tales como o traslado de residencia ou centro escolar dentro do municipio, situacións de violencia de xénero e cambios na situación socio familiar que teñan como consecuencia o risco social dos e das menores”, indicou Cameán.

Na valoración da situación familiar teranse en conta ata tres factores diferenciais. O primeiro será a situación laboral. Os e as solicitantes da bolsa comedor poderán ter unha puntuación dun máximo de 7 puntos e un mínimo de 1, dependendo da situación de desemprego que poidan presentar un ou ambos proxenitores. O segundo criterio atendenderá á situación económica. O Concello terá en conta todos os ingresos netos anuais de todos os integrantes da unidade familiar. “Queremos resaltar neste punto que no cálcuilo da capacidade económica descontaranse gastos de alugueiro ou hipoteca até un máximo anual de 3.000 euros. Neste apartado poderase alcanzar unha puntuación dun máximo de 8 puntos e un mínimo de 2 puntos.

O terceiro criterio de valoración está referido á situación socio familiar da ou do solicitante, e ten que ver con se este pertence a familia numerosa, se hai casos de discapacidade e en que grao, etc. Neste apartado pódese obter un máximo de 5,5 puntos e un mínimo de 0,2 puntos.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión