Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

30 de xaneiro de 2026

Ata 35 taxistas da Coruña poderán operar no aeroporto, ben na parada, ben como bolsa de reforzo do servizo

Taxis da Coruña poderán recoller pasaxeiros en Alvedro para mellorar o servizo entre o aeroporto e a cidade

José Manuel Lage, voceiro do Goberno municipal, reuniuse hoxe coa directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, e co alcalde do municipio cullerdense, José Ramón Rioboo

O Concello da Coruña chegou hoxe a un principio de acordo co Concello de Culleredo e a Xunta para reforzar o servizo de taxis no aeroporto de Alvedro e, desta forma, mellorar os medios de transporte dispoñibles á terminal, acordo que abre a porta a que por primeira vez taxistas da Coruña poidan recoller pasaxeiros no aeródromo.

Esta mañá, o concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica, José Manuel Lage, reuniuse coa directora xeral de Mobilidade da Xunta, Judit Fontela, e co alcalde de Culleredo, José Ramón Rioboo, para valorar a situación actual e tamén as posibilidades existentes para facer máis fluido o tránsito de pasaxeiros en sentido de entrada e saída ao aeroporto coruñés. No encontro participaron tamén outros cargos da Xunta así como o director de Mobilidade do Concello, Luis Vázquez.

"Para nós, o prioritario é que haxa un bo servizo de taxis no aeroporto", indicou Lage, que tamén expuxo que o convenio non supón unha satisfacción plena mais si é un avance, xa que abre a posibilidade de que os taxistas da Coruña poidan prestar o servizo. Lage deixou claro que a prioridade é darlle servizo con seguridade xurídica aos cidadáns. 

No encontro propuxéronse algúns cambios sobre a proposta inicial para simplificar a ordenación das quedas e a operativa. Así, o servizo prestarase na parada por 10 taxis de Culleredo seguidos doutros 5 da Coruña e, tras eles, o resto de licencias de Culleredo. O aeroporto habilitará unha explanada contigua á parada para que poida estacionar alí a bolsa de reforzo do servizo composta por 30 taxis da Coruña que ofrecerán servizo en caso de que non sexa suficiente o número de vehículos estacionados na parada. Ademais, o aeroporto reordenará os carrís de circulación para simplificar o tránsito rodado e evitar irregularidades. 

O Concello leva reclamando moito tempo melloras no transporte en taxi entre A Coruña e Alvedro, un servizo que non cubre a demanda e que deixa a moitas persoas sen transporte desde o aeródromo ata a cidade. O Concello da Coruña non ten competencias para regular estes vehículos noutro termo municipal. O acordo alcanzado hoxe é un primeiro paso para mellorar a situación e engade seguridade xurídica para os taxistas da Coruña, mais non ofrece unha solución definitiva que o Concello seguirá a buscar. 

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión