Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

3 de xaneiro de 2026

Haberá cortes de tráfico nas rúas polas que transcorran as carrozas, que irán abrindo segundo avance a comitiva real

Un dispositivo de 200 persoas velará pola seguridade na Cabalgata de Reis da Coruña

Na edición deste ano refórzanse as medidas para fomentar a participación de persoas con diversidade funcional

Este luns 5 de xaneiro celebrarase a tradicional Cabalgata de Reis da Coruña, que percorrerá diferentes barrios ata rematar na praza de María Pita. Este ano o percorrido comezará na rúa Revolución Francesa, en Vioño, ás 17.30 horas.

O Concello, como cada ano, coordina un dispositivo de seguridade que contará coa presenza de 200 persoas e que estará despregado por todo o percorrido e as rúas adxacentes. Deste xeito, a Cabalgata de Reis, tras saír de Vioño, continuará pola rúa Igualdade, rolda de Outeiro, Alcalde Pérez Ardá, Avenida Santiago Rey Fernández-Latorre, Catro Camiños, Costa da Palloza, avenida Primo de Rivera, Linares Rivas, Cantón Grande, avenida da Marina, avenida de Montoto, Porta Real, María Barbeito y finalizará na praza de María Pita. O percorrido é de aproximadamente 4,4 quilómetros.

Ao longo do percorrido, non estará permitido estacionar, desde a medianoite do día 4, nas rúas: Revolución Francesa, Igualdade, Pérez Ardá (na marxe dereita), avenida Fernández Latorre, Costa da Palloza (marxe dereita) e Primo de Rivera (marxe esquerda). Estableceranse, ademais, catro puntos de asistencia sanitaria en Pérez Ardá, Primo de Rivera, praza de Ourense, Manuel Casás (con ambulancia medicalizada) e María Pita.

Haberá un dispositivo especial de tráfico para reducir ao mínimo os cortes de calzadas pola celebración. Algúns dos puntos especialmente sensibles serán a entrada á estación de autobuses, en Pérez Ardá, onde se establecerá o paso de autocares desde Salgado Torres e con saída cara a avenida de Chile. Na praza de Ourense tamén se manterá aberto o tráfico en sentido entrada e saída, mentres que o acceso a Alfonso Molina desde Linares Rivas contará cun carril por sentido.

Todas as rúas do percorrido permanecerán pechadas "e, como xa é habitual, iranse abrindo de novo segundo pase a comitiva e o público abandone a calzada", tal e como informou a concelleira de Seguridade Cidadá e Interior, Montse Paz. Haberá un total de 76 puntos de presenza policial e de auxiliares ao longo do percorrido e rúas como a avenida de Arteixo terán que ser pechadas para evitar incidencias.

Neste sentido, tampouco estará habilitado o acceso de persoas no treito que vai de Entrexardíns ao Obelisco, por motivos de seguridade, ao ser o punto específico no que están en desenvolvemento as obras de remodelación dos Cantóns.

Unha Cabalgata máis diversa e inclusiva

Na Cabalgata deste ano, o Concello reforza o seu compromiso coa diversidade e a inclusión, incorporando medidas que permitan que todas as persoas poidan participar plenamente e disfrutar do evento en igualdade de condicións.

Xa nas últimas edicións desta cita, a Cabalgata foi incorporando iniciativas para fomentar a participación de persoas con diversidade funcional. Entre elas destacan as zonas accesibles, con espazos prioritarios para persoas con mobilidade reducida en puntos estratéxicos do percorrido (Autoridade Portuaria e Pérez Ardá, fronte á estación de autobuses), e as zonas sen ruído, pensadas para persoas con hipersensibilidade auditiva (ubicadas frente ao Hotel Avenida e no Teatro Colón). Estas accións permitiron que cada ano máis persoas poidan formar parte da celebración sen que as súas capacidades ou necesidades supoñan unha barreira.

Nesta edición, súmanse novas medidas. Grazas á colaboración entre o Concello e ENKI, no Teatro Colón disporase dun préstamo de cascos de redución de ruído, facilitando que nenas e nenos con trastorno do espectro do autismo e/ou con dificultades no procesamento sensorial podan disfrutar plenamente da Cabalgata.

Además, na web oficial do Concello xa se pode consultar un mapa interactivo do percorrido, ilustrado con pictogramas, que permitirá anticipar o trazado. "O noso obxectivo é que a Cabalgata sexa un espazo pensado para todas as persoas, onde podan participar e disfrutar, en igualdade", indicou a concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade, Nereida Canosa.

Un total de 13 vehículos formarán a comitiva

A comitiva estará formada polas tres carrozas dos Reis Magos, outras tres municipais e sete de entidades colaboradoras, un total de 13. Irán acompañando ás carrozas seis trens, un deles solidario. Este ano ademais da tradicional carroza dos bombeiros, incorporarse un tren da Policía Local. A cabalgata estará amenizada por un total de 16 compañías artísticas con 170 persoas, que repartirán 7,5 toneladas de caramelos brandos e sen glute.

Para todo este despregue contarase con 500 figurantes, con arredor de 100 monitoras e monitores que velarán pola atención e o coidado dos participantes. Tamén haberá 45 auxiliares de acompañamento e 20 integrantes da comitiva real. Esta celebración contará cun dispositivo de seguridade especial que estará formado máis de 200 profesionais de seguridade, incluíndo a Policía Local, a Protección Civil e a servizos sanitarios. En total, máis de 1.200 persoas participarán na cabalgata, que rematará na praza de María Pita, onde tamén haberá actuacións musicais antes da chegada dos Reis: a partir das 19.00 horas, con Pulpiño Viascón.

O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, convidou á cidadanía a asistir ás celebracións do luns 5, lembrando que "a xornada da Cabalgata é un dos días máis fermosos da programación festiva do Nadal, con milleiros de persoas saíndo ás rúas para vivir a previa do día de Reis". O edil puxo en valor o traballo conxunto das diversas áreas municipais para coordinar o dispositivo do luns, "fundamental para que todas e todos os cidadáns disfruten desta data tan especial neste inicio de ano".

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión