15 de abril de 2026
O Concello tamén levará a cabo soltas de libros e outras accións especiais o 23 de abril
O Concello conmemora o vindeiro xoves 23 de abril o Día do Libro baixo o lema 'Un libro, unha historia' a través de actividades programadas pola Rede de Bibliotecas Municipais, que invitan á cidadanía a visitar os distintos espazos para descubrir os libros que gardan e as súas fascinantes historias. "Desde o Goberno de Inés Rey impulsamos numerosas accións vinculadas á nosa excelente rede de bibliotecas co obxectivo de que o conxunto da cidadanía teña garantido o seu acceso á lectura", indicou Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo.
O acto central, presentado polo concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, terá lugar na Biblioteca Municipal de Estudos Locais, o propio xoves 23 de abril, ás 19.30 horas, e consistirá no parladoiro 'A lectura é un dereito humano?', coa intervención do profesor de Dereito Constitucional Fernando Flores, quen formulará a posibilidade de abordar a lectura como un dereito humano, acompañado por Daniel Granados, investigador e xestor experto en dereitos culturais.
Neste diálogo reflexionarase sobre o acceso á lectura como ferramenta de igualdade, cidadanía e liberdade, e da lectura como dereito clave para garantir o exercicio e cumprimento dos dereitos humanos. A asistencia ao parladoiro, dirixido a calquera persoa interesada no tema e, especialmente, a profesionais do mundo do libro, a xestión cultural e a intermediación literaria, será de balde ata completar capacidade
Ademais deste diálogo, festexarase o Día do Libro, como vén sendo habitual, con soltas de libros nos arredores das bibliotecas, e con mostras, recomendacións e outras accións especiais para esta data.

13 de abril de 2026

11 de abril de 2026

10 de abril de 2026
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible