1 de maio de 2016
A fase final deste certame, no que compiten centros de ensino de toda Galicia, tivo lugar esta fin de semana na Domus e contou coa presencia do concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande
Unha investigación que demostra que é posible afogar e revivir insectos, un estudo que determina que a suor das plantas é transparente e o desenvolvemento dun sistema para coñecer a calidade do aceite despois de usalo para fritir varias veces son os tres primeiros premios nas modalidades do XVII Luis Freire de Investigación Científica na Escola, un galardón que organiza cada ano Os Museos Científicos Coruñese e que desde as dez e media desta mañá, celebrou a súa fase final na Domus. Os e as responsables dos nove traballos finalistas fixeron unha presentación pública diante de máis de 120 persoas que ateigaron a sala Leonardo dá Vinci do museo coruñés, un acto que abriu o concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande.
Na modalidade de Ensino Primario, o primeiro premio foi para o traballo De que cor é a súor / transpiración das plantas?, que foi presentado por Isabel Espiñeira Suárez, do CEIP Ponte dos Brozos, por unha magnífica planificación da investigación así como o fomento do espírito crítico incorporando o ensaio e o erro á metodoloxía empregada. O segundo premio foi para o traballo Son importantes os organismos do solo para o crecemento das plantas?, que defendeu Mª Carmen Fernández Freire, do CPI Poeta Uxío Novoneyra, por reunir sinxeleza e rigor e convidar a reflexionar sobre un tema tan actual como é o dos incendios forestais. O terceiro premio, tal e como consta no ditame do xurado, foi para Afecta a cor da luz á cor e crecemento das plantas?, que presentou José López Muñoz, do Colexio Santa Mª del Mar, polo esforzo no desenvolvemento de deseños experimentais na resolución da súa investigación.
Na modalidade de Investigación Científica en Ensino Secundario Obrigatorio, o primeiro premio recaeu no traballo Podemos ‘resucitar’ insectos?, cuxa presentación correu a cargo de Antía Quintas Vázquez, Arianna Alonso Alfonso e Azahar Elba Casas Augusto, do IES Lagoa de Antela, por demostrar curiosidade e valentía para afrontar o estudo dun suceso natural da súa contorna cotiá destacando a súa constancia nunha investigación laboriosa. O traballo Éxito de polinización das orquídeas, “Aceras anthropophorum”, "Orchis mascula", "Ophrys sphegodes" en O Courel, que presentaron Amanda Arza Carballo, María Locay López e Lluis Castro Potau, do CPI Poeta Uxío Novoneyra, acadou o segundo premio por ser, segundo salientou o xurado, un excelente traballo de campo que reflicte un deseño experimental rigoroso. En canto ao terceiro, foi para É diferente a resposta a ilusións ópticas nos mozos e mozas?, por abordar unha investigación orixinal nun tema de gran interese social, e foi presentado na final por Estela Aradas Rúa, Zuriñe Pérez Béliz e Claudia Santos Campoy, do IES Rosalía de Castro.
Dentro da modalidade de Investigación Tecnolóxica en Ensino Secundario Obrigatorio, Bacharelato e Ciclos Formativos, o primeiro premio obtívoo o traballo Sistema de análise da calidade do aceite usado en fritideira mediante espectrofotometría, presentado hoxe por Miguel Rodríguez Fernández e Martín Ansia Cantón, de Parque Tecnolóxico de Galicia, e do que o xurado destacou o excelente uso da metodoloxía científica, que conclúe no desenvolvemento dunha tecnoloxía directa e accesible a todos e todas. O segundo premio foi para Podemos conectar a través dunha aplicación a todos os Scooters da nosa contorna?, que foi defendido por Félix Otegui, do Colegio Miralba Hijas de Jesús, por propoñer un bo uso dos dispositivos móbiles e das redes sociais para fomentar valores moi positivos para a mocidade. Por último o traballo Espantallo 2.0. Podemos crear un espantallo eficiente usando o programa Arduino?, presentado por Natalia Fariña Mata e Paula Lema Dourado, de Aulas científico-tecnolóxicas Isidro Parga Pondal, acadou o terceiro premio, por desenvolver unha tecnoloxía, orixinal, útil e facilmente accesible a futuras persoas usuarias.
O xurado estivo presidido, por delegación do alcalde da Coruña, por Francisco Armesto Ramón, director técnico de Desenvolvemento e Actividades dos Museos Científicos Coruñeses, e estivo constituído ademais por: María Jesús Fraga, profesora de Ensino Primario do CEIP Valle-Inclán de Oleiros, Conchi Fernández Munin, asesora en Tecnoloxías da Información e Comunicación no Centro Autonómico de Formación e Innovación da Xunta de Galicia, Luis Fernández, profesor titular de Bioloxía Animal da Universidade da Coruña, e Rosa Espiñeira, profesora de Ciencias no Colegio Internacional Eirís de A Coruña e membro da Asociación de Amigos da Casa das Ciencias. Ángel Loureiro Pereiro, xefe de servizo Museos Científicos Coruñeses, actuou como secretario do xurado
Premios
Ademáis de diversos aparellos tecnolóxicos (como iPads ou cámaras Go-Pros), os e as premiadas na modalidade de Primaria poderán facer unha visita especial ao Aquarium Finisterrae, e os gañandores e gañadoras nas modalidades de Investigación Científica e na de Proxecto tecnológico presentarán os seus traballos na feria científica Galiciencia, Ourense, en novembro de 2016.
O XVII Premio Luís Freire de Investigación Científica para Escolares está convocado polo Concello da Coruña- Museos Científicos Coruñeses, en colaboración coa Asociación de Amigos da Casa das Ciencias. Pretende fomentar o interese pola ciencia e a formación en actitudes científicas, e premia aos participantes que se distinguen pola orixinalidade e o rigor das súas investigacións e proxectos, e que demostren sentido crítico, curiosidade e constancia.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible