25 de xuño de 2026
Inés Rey: “O Viñetas axuda a posicionar A Coruña como unha cidade creativa, dinámica e con ambición”
O festival bate récord de colaboracións e propostas con un total de 24 entidades que participan nesta edición e máis de 100 actividades
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, presentou esta mañá a programación da 29ª edición do festival Viñetas desde o Atlántico. Segundo relatou Rey, esta será a edición "máis social e reivindicativo da historia do evento". Ademais da alcaldesa, tamén participaron o director do festival, Manel Cráneo e o director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo. Asistiu tamén Miguel Robledo, autor do cartel deste ano.
"O Viñetas é moito máis que unha semana en agosto. É un proxecto cultural que se estende durante todo o ano e que axuda a posicionar A Coruña como unha cidade creativa, dinámica e con ambición", indicou Inés Rey. A alcaldesa tamén reinvidicou a capacidade deste tipo de eventos para crear conciencia: "Desde este Goberno temos claro que a cultura non é só ocio: é unha ferramenta para comprender o mundo e tamén para transformalo. Por iso, este ano o festival pon o foco na memoria social e democrática, usando a banda deseñada para contar historias que nos interpelan como sociedade e que nos obrigan a non esquecer".
Pola súa banda, o director do festival, Manel Cráneo, quixo facer especial fincapé na relevancia que tiveron no deseño da programación as causas sociais. "Nun momento coma o actual", subliñou, "o Viñetas aposta pola banda deseñada como medio de transformación da sociedade na que vivimos e por iso a memoria social atravesará varias das exposicións, dende as experiencias das loitas sociais e a Guerra Civil española ata a mostra de autores e autoras palestinos na Fundación Luis Seoane, que se incorpora como sede do festival". Neste sentido, Cráneo destacou que o Viñetas 2026 bate o récord de entidades colaboradoras cun total de 24, que inclúen, dende institucións como os Museos Científicos ata asociacións como Autobán, CUAC FM ou Amigos de la Ópera de A Coruña, festivais como Elas son artistas, organizacións como Amnistía Internacional, fundacións como Al Fanar e podcasts como El Nicho, de David Perdomo.
Como colofón a estas colaboracións, no mes de maio Viñetas contou cun grupo de oito alumnos e alumnas de prácticas da escola Pablo Picasso na área de deseño artístico das exposicións de Kiosco Alfonso e Palexco. Esta selección de alumnado contará tamén cun "showroom" o domingo 16 de agosto para poder mostrar os seus traballos. Esta colaboración consolida o compromiso de Viñetas desde o Atlántico de integrar ás novas xeracións no tecido profesional e darlles unha oportunidade para entrar en contacto co mercado.
Na rolda de prensa presentouse a que será unha edición "histórica" do festival en moitos sentidos. En primeiro lugar, por coincidir coa eclipse total que se producirá o día 12 de agosto, pero tamén polas súas cifras e pola relevancia dos seus protagonistas. Máis de 70 autores e autoras pasarán pola Coruña entre os días 10 e 16 de agosto para participar en 24 exposicións e unha ampla programación de máis de 100 propostas entre as que se contan obradoiros, charlas, clases maxistrais, podcasts, espectáculos en directo, visitas guiadas e actividades pensadas para toda a cidadanía -dende pequenos ata adultos- e para público especializado.
Viñetas desde o Atlántico mantén en 2026 as súas principais seccións que acompañan aos visitantes na súa experiencia no festival: Viñetas Expo; Viñetas Mini, con obradoiros diarios para público infantil, unha proxección cinematográfica e unha proposta teatral; Viñetas Show, cun concerto ilustrado, dúas proxeccións, unha obra teatral e dúas xornadas dedicadas a podcasts especializados de Galicia, Madrid e Cataluña; Viñetas Pro, con dúas clases maxistrais e unha sesión de revisión de proxectos para autores/as; un encontro e dúas expos para Viñetas inclusivas e a extensa programación de Rúa BD que contará con 38 casetas entre as que figuran as de 18 editoriais procedentes de todo o estado presentando novidades e dinamizando este espazo vital do festival. Pero ademais, en 2026 incorpórase a nova sección que quere poñer en valor o traballo da Bibliotecas Municipais da Coruña arredor da banda deseñada, Viñetas Biblio.
Os Simpsons e Marcopola enchen Palexco
Na presentación desvelaron os detalles da que será unha intensa programación de exposicións que se iniciará no mes de xullo coas inauguracións de tres das mostras máis relevantes desta edición. Para abrir a edición, e da man da colaboración dos Museos Científicos Coruñeses, a eclipse adiántase nas viñetas máis artísticas na expo Eclipse de viñetas, na que dez autoras e autores locais (Xulia Pisón, Diego Burdío, Paula Esteban, Uxía Larrosa, Xulia Vicente, Jorge Peral, Marcos Calo, Luis Yang e Paula Mayor, con Jordi Bayarri como autor convidado) reinterpretarán dende a súa mirada a historia científica e artística das eclipses.
Tamén no mes de xullo chegará o momento de abrir as portas dun dos recintos que máis público recibe sempre no Viñetas; Palexco será a sede das mostras de Jacobo Fernández e da colección de Raúl García. Na primeira delas percorreremos o universo persoal do creador da illa remeira máis coñecida da banda deseñada en España, mentres que na exposición Un paseo por Springfield. Os Simpsons na colección de Raúl García, teremos o privilexio de achegármonos a unha mostra de merchandising e libros dos cómics da famosa serie, con algúns debuxos orixinais e dedicatorias do propio Matt Groening. Raúl García traballou en varios capítulos da serie norteamericana e foi o primeiro animador español en traballar para Disney.
O Kiosco Alfonso como escenario do cómic de memoria social
Xusto a carón, no epicentro do festival, o espazo expositivo do Kiosco Alfonso encherase counha ampla representación de obras de autores e autoras estatais unidos por un nexo: a memoria democrática e social na España do século XX. Así, os/as visitantes poderán desfrutar das obras O eco dos días rotos, de Alberto Taracido; Que el fin del mundo nos encuentre bailando e La piel como única bandera, de Sebas Martín; o xa histórico Paracuellos, de Carlos Giménez; Aquí donde estoy, de Tyto Alba e María Castro, e Caridad del Río, de Pep Brocal.
O programa expositivo completarase coas mostras de Miguel Robledo -autor do cartel desta edición- en María Pita; os premios Castelao na Casa da Cultura Salvador de Madariaga, Elas son fantásticas, autoras galegas de banda deseñada deste xénero, no mesmo espazo; a exposición de ExpoFanzines de Autobán, na Biblioteca de Estudos Locais; Ston, de Xulia Pisón, na Casa Museo María Pita; unha exposición bibliográfica nas Bibliotecas Municipais, Trazos de memoria, e a incorporación da Fundación Luis Seoane como nova sede do festival coa expo Cómic palestino. Voces propias. Grito colectivo. Cómpre destacar a incorporación da Casa Museo Casares Quiroga como sede de mostras vencelladas á memoria histórica que, nesta ocasión albergará 'La guerra civil' de Paul Preston, mostra que recolle o exitoso traballo de adaptación á banda deseñada das obras do historiador británico realizada polo autor José Pablo García.
Ademais diso, o Viñetas paralelas de 2026 contará con tres sedes: o Circo de Artesáns, cunha expo de colectivos de banda deseñada portugueses, o Bar 13, con Óscar Lojo e Tranvía, con unha exposición de Fento Studio.
Máis de 100 actividades para todos os públicos
Especialmente rica é neste Viñetas 2026 a extensa programación de actividades pensadas para todas as idades e intereses e que se distribúen entre as distintas seccións do festival. Más de 100 propostas entre as que se contan obradoiros, cine, teatro, charlas, visitas guiadas, gravación de podcasts, espectáculos radiofónicos, un concerto ilustrado, encontros con autores e autoras, sinaturas e maratóns de debuxo.
Entre esta apertada axenda destacan, a revisión de proxectos coa colaboración de editoriais, con convocatoria xa aberta a través dun formulario para calquera debuxante interesado/a, e os podcasts que se gravarán durante a semana do festival coa colaboración de Campamento Kripton, El diario de Kovacs, Freakland e El Nicho.
Quedan aínda por coñecer algúns nomes de autores e autoras internacionais protagonistas do Viñetas 2026 que se desvelarán ao longo do mes de xullo. Neste sentido, o director do evento, Manel Cráneo, amosou a súa confianza en poder dar aínda algunhas "sorpresas moi potentes" para pechar o cartel artístico desta 29ª edición.
Toda a programación pode ser consultada en www.vinetasdesdeoatlantico.com.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible